As solicitudes para as lumeiradas de San Xoán poderán presentarse ata o 22 de xuño en Curtis

O Concello de Curtis abriu o prazo para recibir as solicitudes de autorización para as lumeiradas de San Xoán, que se celebrarán durante a noite do 23 ao 24 de xuño. As persoas interesadas deberán presentar a súa petición antes do luns 22 de xuño ás 14.00 horas.
A administración local lembra que a organización destes lumes leva aparellado o cumprimento dunha serie de medidas de prevención, co obxectivo de evitar riscos e garantir que a celebración se desenvolva con seguridade.
Entre as normas establecidas, o lume non poderá superar os tres metros de altura nin os seis metros de base. No caso de que a lumeirada estea situada a menos de 400 metros do monte, esas dimensións deberán reducirse á metade, é dicir, 1,5 metros de altura e tres metros de base.
As fogueiras deberán manter unha distancia mínima de cinco metros con respecto a leña apilada, liñas de tendido eléctrico, instalacións de telecomunicacións ou calquera almacenamento de produtos inflamables. Ademais, queda prohibido queimar plásticos, materiais que xeren fume tóxico, produtos inflamables ou envases presurizados.
O Concello tamén establece que deberá haber preto do lume unha mangueira ou auga en baldes para actuar en caso de necesidade. Non estará permitido facer lume sobre solo de dominio público pavimentado, con aglomerado ou preparado de calquera xeito que poida resultar danado.
A persoa responsable da lumeirada non poderá abandonar o lugar ata que o lume estea completamente apagado. Unha vez extinguido, deberá humedecer os restos con auga para evitar posibles reactivacións.
Desde o Concello lembran que a comunicación da queima non exime de responsabilidades polos danos ou perdas que poidan producirse no caso dun incendio derivado do uso do lume, especialmente se existe neglixencia, imprudencia ou incumprimento das normas de prevención.