As piscinas de Carral abren este venres tras a polémica pola suba das entradas

As piscinas municipais de Carral abrirán este venres, 19 de xuño, a nova tempada de verán tras as actuacións de mantemento e mellora realizadas polo Concello e despois da polémica política xerada pola modificación das tarifas da instalación.
A apertura chega semanas despois de que o pleno aprobase a actualización da ordenanza reguladora dos prezos, unha medida que saíu adiante cos votos do PP e dos concelleiros non adscritos, mentres que PSOE e Alternativa dos Veciños se posicionaron en contra. O goberno local defendeu daquela que a suba da entrada libre buscaba priorizar o uso da piscina por parte da veciñanza con abono, mentres que a oposición cuestionou tanto o fondo da medida como a tramitación urxente do pleno extraordinario.
De cara á reapertura, o Concello substituíu a antiga soleira de plaqueta por un pavimento de céspede artificial. Tamén realizou podas para mellorar a claridade no recinto, o encintado do vaso da piscina, a limpeza da beirarrúa perimetral e outras tarefas de acondicionamento.
Ademais, está a prepararse unha zona próxima ás piscinas con herba natural, árbores e mesas, pensada para que as persoas usuarias poidan xantar, merendar ou descansar durante as horas de máis calor.
As instalacións abrirán todos os días, incluídos festivos, en horario de 12.00 a 21.00 horas. A entrada xeral custará 1,5 euros, mentres que menores e persoas da terceira idade pagarán 1 euro. Os menores de 3 anos poderán acceder de balde.
Tamén haberá abonos de verán, con preferencia para persoas empadroadas no municipio. O abono individual terá un custo de 13 euros, o familiar será de 22 euros e o individual para menores e terceira idade custará 10 euros.
O recinto contará con varios socorristas para a súa vixilancia. As persoas bañistas deberán empregar roupa de baño e chancletas, e recoméndase o uso de gorro. Tamén será obrigatorio cumprir as normas propias das piscinas de uso público.
Ademáis, o Concello convocou cursos de natación para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos durante os meses de xullo e agosto. As actividades desenvolveranse do 1 ao 31 de xullo e do 3 ao 31 de agosto.
O alumnado distribuirase por idades e, dentro de cada grupo, haberá niveis de iniciación e perfeccionamento. As clases serán de luns a venres, en horario de mañá, entre as 11.30 e as 14.00 horas segundo os grupos, cunha duración de 45 minutos por sesión e sempre coa presenza dun socorrista.
O prezo será de 28 euros por alumno e mes. O prazo de inscrición para os cursos de xullo abrirá do 22 ao 29 de xuño, mentres que para os de agosto estará dispoñible do 13 ao 21 de xullo. As solicitudes poderán tramitarse a través da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro Municipal.