A suba das entradas da piscina reaviva o debate político en Carral

ACoruñaXa
O goberno local defende que a medida busca dar prioridade á veciñanza con abono, mentres a oposición critica a urxencia do pleno extraordinario e a falta de planificación
carral-piscina
20 May 2026

A piscina municipal centrou boa parte do debate no pleno extraordinario celebrado en Carral, onde saíu adiante a modificación da ordenanza que regula as tarifas da instalación. A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP e dos concelleiros non adscritos, mentres que PSOE e Alternativa dos Veciños votaron en contra.

O alcalde defendeu a actualización dos prezos como unha medida para corrixir a situación que, segundo expuxo, se viviu nas últimas tempadas. O rexedor sostivo que o baixo custo da entrada estaba a atraer usuarios doutros municipios e que iso xeraba problemas de convivencia, con condutas incívicas dentro do recinto. Entre os exemplos citou a presenza de persoas con música e comportamentos que, ao seu xuízo, dificultaban o uso da piscina por parte da veciñanza de Carral.

Na súa intervención, o alcalde insistiu en que a instalación debe estar pensada principalmente para os veciños do municipio. Argumentou que hai persoas con abono que despois teñen dificultades para acceder ou gozar da piscina en condicións axeitadas, polo que a modificación se centra no prezo da entrada libre e non noutras cuestións da ordenanza.

Francisco Javier Bello, un dos concelleiros non adscritos apoiou a medida precisamente por ese motivo. Defendeu que a suba non afecta os abonos, senón o acceso libre, e que a intención é primar ás persoas que fan uso continuado da instalación, especialmente a veciñanza. Pola súa banda, a concelleira do PSOE, Patricia Blanco Fidalgo, mostrou unha posición distinta e cuestionou que se xustifique unha suba comparando a piscina de Carral con outras instalacións máis caras, como Acea de Ama, en Culleredo. Ao seu entender, que noutro municipio o prezo sexa superior non é razón suficiente para modificar a tarifa local.

Desde Alternativa dos Veciños tamén se cuestionou o enfoque do goberno. O grupo advertiu de que unha piscina pública non pode restrinxirse na práctica á veciñanza, xa que poderá seguir acudindo calquera persoa. Ademais, evitou centrar o debate en se a cantidade final é alta ou baixa e puxo o foco na forma e nos tempos da tramitación desta suba.

A oposición lembrou que xa a comezos de setembro do ano pasado o técnico de Deportes lles trasladara que en 2026 sería necesario revisar as tarifas. Por iso, Alternativa preguntou por que a ordenanza non se levou antes a pleno, por exemplo no mes de marzo, ou por que non se agardou ao pleno ordinario. O grupo advertiu de que, ao aprobarse o 18 de maio, aínda debe publicarse e permanecer exposta durante 30 días hábiles, polo que as novas tarifas poderían non estar en vigor cando abra a piscina, previsiblemente a finais de xuño.

Alternativa tamén criticou o custo político e económico da convocatoria extraordinaria, que cifrou nuns 2.000 euros, e cuestionou que se empregase para este asunto mentres, segundo indicou, seguen pendentes outros temas que considera máis urxentes. Entre eles citou as ordenanzas de Servizos Sociais, que asegurou que levan tempo preparadas e que estarían vinculadas a unha inspección realizada o 27 de marzo, así como o regulamento do Consello Escolar Municipal.

No debate tamén houbo reproches polo contido da documentación. Alternativa sostivo que boa parte do novo texto procede de traballos elaborados durante a etapa anterior á moción de censura, e acusou o PP de utilizar agora documentos que antes criticaba.

A sesión rematou nun clima de tensión. Tras a votación, unha edil de Alternativa pediu intervir, pero o alcalde deulle por rematado o punto e non lle concedeu a palabra. O rexedor lembrou entón que a él tamén se lle retirara a palabra en anteriores mandatos, o que provocou protestas desde a bancada da oposición antes de levantarse a sesión.

Durante o pleno, o alcalde tamén avanzou que o Concello prevé poñer en marcha autobuses á praia de Miño, con recollida na zona de Rosalía de Castro, como alternativa de ocio para a tempada estival.

0.11934399604797