As familias e educadoras das escolas infantís da Coruña volverán a María Pita para defender o modelo municipal

ACoruñaXa
A concentración será este sábado 26 de setembro ás 12.00 horas e reclama transparencia na nova licitación, estabilidade dos equipos e que primen os criterios pedagóxicos
A CORUÑA folga escolas infantis 17.09
22 Sep 2026

As familias e profesionais das Escolas Infantís Municipais da Coruña volverán concentrarse este sábado, 26 de setembro, para defender o carácter educativo da rede municipal e expresar as súas preocupacións ante a nova licitación do servizo. A mobilización terá lugar ás 12.00 horas na Praza de María Pita e está convocada pola ANPAS das escolas.

Baixo o lema 'A educación pública de 0 a 3 non é un negocio', a concentración pretende reunir familias, crianzas, educadoras e integrantes da comunidade educativa nunha reivindicación centrada na calidade do proxecto pedagóxico das escolas municipais.

Entre as peticións que figuran na convocatoria están a transparencia no proceso de licitación, que os criterios pedagóxicos e a estabilidade dos equipos teñan un peso prioritario e o rexeitamento á adxudicación do servizo atendendo a criterios exclusivamente empresariais ou económicos.

A mobilización prodúcese nun momento de cambios na xestión da rede. O Concello da Coruña licitou en xuño o servizo de xestión das oito Escolas Infantís Municipais por un importe de 3,5 millóns de euros, distribuíndo o contrato en oito lotes, un por cada centro.

Seis escolas afrontan un cambio de xestora

A nova adxudicación supón cambios en seis das oito escolas municipais, unha situación que está a xerar preocupación entre parte das familias e das profesionais pola transición entre as empresas responsables da xestión.

As familias reclaman que este proceso garanta a continuidade dos proxectos educativos e que a reorganización da xestión non afecte á calidade da atención que reciben as crianzas. As traballadoras, pola súa banda, tamén teñen expresado reivindicacións relacionadas co persoal, as ratios e as condicións nas que se desenvolve o labor educativo.

O Concello defendeu durante o proceso de contratación que as traballadoras actuais teñen dereito á subrogación, polo que o cambio de empresa non debería implicar a perda dos seus postos de traballo.

A rede municipal está formada por oito centros: Arela, Agra do Orzán, Carricanta, Os Cativos, Os Rosales, Caracola, Luís Seoane e Monte Alto. Para o curso 2026-2027 ofertáronse inicialmente 412 prazas vacantes, das que 308 foron adxudicadas no proceso ordinario.

A concentración deste sábado pretende así trasladar ás institucións as demandas das familias e educadoras nun momento no que a nova organización do servizo está a piques de consolidarse.

0.16662311553955