As escolas infantís de Oleiros seguen sen todo o persoal máis dunha semana despois do inicio do curso

ACoruñaXa
O Concello advirte de que a falta de profesionais mantén reducidos os horarios e reclama á Xunta que cubra de inmediato as prazas pendentes
OLEIROS escola infantil
15 Sep 2026

Máis dunha semana despois do inicio do curso, as escolas infantís de Oleiros continúan sen contar con todo o persoal necesario para prestar o servizo con normalidade. O problema, que xa fora denunciado polo Concello ao comezo do curso, mantense sen solución e segue tendo consecuencias directas para as familias e para as traballadoras dos centros.

A falta de profesionais está obrigando a limitar ou modificar os horarios de atención previstos inicialmente. Unha situación que afecta especialmente á conciliación das familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos, que precisan contar cun servizo estable para poder organizar as súas xornadas laborais e familiares.

O Concello reclama novamente á Xunta de Galicia que cubra de maneira inmediata todas as prazas necesarias. O Goberno local considera que non é razoable que o curso avance sen que estea garantida a dotación de persoal necesaria para atender aos menores nas condicións previstas.

A situación tamén está a repercutir nas propias traballadoras das escolas infantís. Segundo o Concello, a falta de persoal está incrementando as cargas de traballo e xerando unha situación de saturación nun servizo no que a atención directa aos máis pequenos require estabilidade, coordinación e suficientes profesionais.

Desde o Goberno municipal lembran ademais que as traballadoras levan tempo reclamando melloras nas condicións de prestación do servizo. A falta de persoal engádese así a unhas demandas laborais que, segundo o Concello, continúan sen recibir unha resposta suficiente.

Unha responsabilidade da Xunta

O Concello de Oleiros insiste en que a xestión das escolas infantís corresponde á Administración autonómica, polo que considera que non debe recaer sobre o municipio nin sobre as familias o impacto dunha falta de planificación na contratación e cobertura dos postos.

O Goberno local lembra, ademais, que o Concello contribuíu de maneira importante á creación e mantemento destes centros. Foi o propio municipio o que adquiriu os terreos e construíu as catro escolas infantís de Oleiros, mentres actualmente achega o 30% dos gastos anuais.

Precisamente, o Concello tivo que asumir noutras ocasións actuacións nestes centros. En 2025 financiou con fondos municipais diferentes obras de mellora nas escolas infantís de Os Regos e As Galeras, pese a que o Gobierno local sostén que estas actuacións correspondían á Xunta ao tratarse de centros integrados na rede autonómica A Galiña Azul.

O Concello pide así á Xunta que actúe canto antes para recuperar os horarios previstos e garantir que as familias poidan utilizar as escolas infantís con normalidade. A reclamación prodúcese poucos días despois de que o municipio denunciase publicamente o mesmo problema ao inicio do curso.

0.14924192428589