A falta de persoal nas escolas infantís leva a Oleiros a reclamar solucións á Xunta

ACoruñaXa
O Concello advirte de que a ausencia de profesionais está provocando reducións nos horarios de atención e dificultando a conciliación das familias
OLEIROS escola infantil
10 Sep 2026

As escolas infantís de Oleiros comezaron o novo curso escolar sen contar con todo o persoal necesario, unha situación que, segundo denuncia o Concello, está provocando reducións nos horarios de atención aos nenos e nenas.

Ante esta situación, o Goberno municipal reclama á Xunta de Galicia que cubra de maneira inmediata todas as prazas vacantes para garantir o funcionamento normal das escolas e evitar que as consecuencias da falta de persoal recaian sobre as familias.

As escolas de 0 a 3 anos desenvolven unha función educativa, pero tamén representan un recurso fundamental para facilitar a conciliación. Por iso, o Concello considera especialmente preocupante que o curso comece sen estar asegurada a presenza de todos os profesionais necesarios para prestar o servizo nas condicións previstas.

A falta de persoal está tendo consecuencias directas para as familias, que se atopan con horarios modificados ou limitados respecto dos inicialmente previstos. Esta situación dificulta a organización diaria e pode obrigar a buscar alternativas para compatibilizar a atención aos menores coas obrigas laborais.

Máis carga de traballo para as profesionais

O problema tamén afecta ás traballadoras das escolas infantís, que levan tempo reclamando melloras nas condicións de prestación do servizo, tanto para garantir unha atención de calidade como para mellorar as súas propias condicións laborais.

Segundo o Concello, a falta de persoal está incrementando as cargas de traballo e xerando unha situación de saturación entre as profesionais. O Goberno local considera que nun servizo de atención directa a nenos e nenas de curta idade é necesario contar con suficientes recursos humanos, así como estabilidade e coordinación.

O Executivo municipal reclama que non se siga sobrecargando ás traballadoras e que tampouco se trasladen ás familias os efectos dunha falta de previsión ou planificación na contratación e cobertura dos postos.

O Concello lembra, ademais, que a xestión das escolas infantís corresponde exclusivamente á Administración autonómica, pero destaca o investimento realizado polo propio municipio. Oleiros adquiriu os terreos necesarios e construíu as catro escolas infantís existentes no municipio e, segundo informa o Goberno local, tamén asume o 30% dos seus gastos anuais.

0.158695936203