As contas de Bergondo volven medrar e acadan un novo máximo de 11,4 millóns

ACoruñaXa
O goberno local levará ao pleno deste xoves unhas contas que volven marcar un máximo histórico, con 900.000 euros máis que en 2026
casa-do-concello-bergondo
25 Nov 2026

Bergondo volverá aumentar o seu orzamento municipal en 2027 se sae adiante a proposta que o goberno local levará ao pleno deste xoves, 26 de novembro. As contas ascenden a 11,4 millóns de euros, arredor de 900.000 euros máis que as do exercicio actual, e volven marcar un máximo histórico para o municipio.

A evolución orzamentaria reflicte unha suba continuada nos últimos exercicios. En novembro de 2024, o Concello presentou unhas contas de 9,4 millóns para 2025, un 13 % máis que o ano anterior. Un ano despois, o orzamento de 2026 superou por primeira vez a barreira dos 10 millóns, ata alcanzar os 10,5 millóns. Agora, o novo proxecto volve elevar esa cifra.

O goberno local defende que o incremento non se traduce unicamente en novas obras, senón tamén no mantemento e na mellora dos servizos que recibe a poboación. De feito, o gasto corrente representa o 51 % do orzamento, con partidas destinadas a ámbitos como a atención á dependencia, a educación, a cultura, o deporte, a formación e a conciliación.

Entre as cantidades destacadas figuran algo máis dun millón de euros para atención á dependencia e outros 332.000 euros para actividades como Envellecemento Activo e Universo Diverso. Cultura contará con 170.000 euros, Deportes con 160.000 e os programas de corresponsabilidade e conciliación disporán de 155.000 euros.

O Concello tamén contempla axudas de emerxencia social, apoio para o pagamento de subministracións e vivenda habitual, bolsas educativas e subvencións para deportistas e comisións de festas. A isto súmanse os contratos de servizos municipais, como a limpeza de dependencias, o mantemento de zonas verdes e a escola infantil.

Máis de 2,3 millóns para obras e melloras no municipio

O capítulo de investimentos reais ascende a 2,36 millóns de euros, unha cantidade que representa algo máis dunha quinta parte do orzamento. Entre as actuacións previstas destaca a mellora das prazas de Guísamo e Cortiñán, que concentra unha das partidas máis importantes do anexo de investimentos, con preto de 690.000 euros.

Tamén se reservan fondos para mellorar camiños e a seguridade viaria en distintas parroquias, renovar infraestruturas de abastecemento e saneamento e reparar varios tramos de vías rurais. Neste último apartado figura a segunda fase do Plan de Camiños Rurais, con traballos no camiño da AC-164 a Fiobre e no que une Montecelo con Fiobre.

O documento inclúe ademais a pavimentación de camiños en Bergondo, Vixoi, Moruxo, Guísamo, Ouces, Cortiñán e Babío, así como a instalación dunha pista de Pump Track e paneis informativos dixitais, dúas iniciativas seleccionadas a través dos orzamentos participativos.

Outras actuacións céntranse na rede de auga, coa instalación de sensores para controlar a súa calidade e a renovación da tubaxe de baixada do depósito de Santa Marta. Tamén se prevé adquirir terreos para futuras actuacións municipais, entre elas as expropiacións necesarias para o paseo fluvial do río Maior e a ampliación da zona de equipamentos en Rois.

O goberno local lembra que o anexo de investimentos poderá ampliarse durante o exercicio a medida que se incorporen subvencións doutras administracións ou se aproben suplementos de crédito con cargo ao remanente de tesouraría. Antes, o proxecto orzamentario deberá superar o debate e a votación do pleno municipal deste xoves.

0.14915609359741