Arteixo abre a inscrición para o campamento infantil de Nadal Sumaneve 2026/27

ACoruñaXa
A actividade desenvolverase en dúas quendas entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, con 30 prazas semanais para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos
ARTEIXO sumaneve 26'
27 Nov 2026

As vacacións escolares de Nadal traerán unha nova edición de Sumaneve, o campamento organizado por SUMARTE no Espazo Municipal Ecolóxico de Arteixo. A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e busca ofrecer unha alternativa de lecer educativo durante as festas, con actividades nunha contorna natural e propostas para aprender e gozar en grupo.

O campamento desenvolverase no parque forestal de Monticaño, en Pastoriza, un espazo verde de 44.000 metros cadrados que conta con sendeiros e distintas especies de árbores. A programación deste tipo de iniciativas no Espazo Ecolóxico combina o entretemento coa educación ambiental e o achegamento á natureza. Nesta edición, ademais, os participantes realizarán unha visita ao Museo de Automoción e Historia (MAHi).

A actividade disporá de 30 prazas por semana e organizarase en dúas quendas. A primeira terá lugar os días 22, 23, 24, 28 e 29 de decembro; a segunda, o 30 e 31 de decembro e o 4, 5 e 7 de xaneiro. En ambos os casos, o horario será de 10.00 a 14.00 horas. O servizo inclúe transporte e merenda.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto entre o 26 de novembro e o 2 de decembro. A inscrición debe realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web de SUMARTE. Terán prioridade as familias empadroadas en Arteixo e as persoas abonadas á entidade.

En canto ás tarifas, as familias empadroadas ou abonadas pagarán 30 euros polo primeiro fillo, 15 polo segundo e non terán que aboar ningún importe polo terceiro. Para quen non cumpra ningunha desas condicións, o custo será de 60 euros polo primeiro menor, 30 polo segundo e 15 polo terceiro.

As familias interesadas poden consultar os detalles e realizar a solicitude en la web de Sumarte. Tamén poden obter información nos teléfonos 981 659 090 e 881 058 814, así como no WhatsApp 698 193 000.

0.64034390449524