ADEGA denuncia a falta de coordinación do transporte metropolitano coa estrea da estación intermodal da Coruña

A posta en marcha da estación intermodal da Coruña chega acompañada de novas críticas pola situación do transporte público metropolitano. ADEGA-A Coruña denuncia a falta de planificación e coordinación das administracións e considera que a nova infraestrutura comeza a funcionar sen resolver cuestións fundamentais, como a conexión entre autobuses e trens ou o acceso directo ao aeroporto.
A delegación ecoloxista colocou varios carteis na contorna da estación para visibilizar as reivindicacións das persoas usuarias e reclamar melloras no servizo. A organización sinala que ás queixas acumuladas nos últimos meses pola falta de prazas, as frecuencias insuficientes e os atrasos súmase agora a desinformación sobre os cambios vinculados á intermodal.
Segundo ADEGA, a Xunta non comunicou ata a semana anterior á apertura os percorridos que seguirían os autobuses para acceder á estación nin as paradas afectadas. A entidade considera que as persoas usuarias habituais tiveron pouco tempo para adaptarse e critica que a información facilitada pola empresa concesionaria se limitase á colocación de carteis no interior dos vehículos. Tamén apunta á falta de sinalización na vía pública para indicar como chegar á nova infraestrutura.
A organización asegura que estas circunstancias incrementaron as queixas e lembra que desde 2025 foron xurdindo distintos colectivos cidadáns para reclamar melloras no transporte metropolitano. Neste contexto, amosa o seu apoio á plataforma 'Queremos chegar', creada recentemente para agrupar as demandas das persoas usuarias da comarca coruñesa.
Máis frecuencias e coordinación co ferrocarril
Entre as medidas que reclama ADEGA figura a revisión dos contratos coas empresas concesionarias dos autobuses metropolitanos e o aproveitamento das infraestruturas ferroviarias existentes para reducir a presión sobre o transporte por estrada.
A entidade pide aumentar as frecuencias nas liñas con maior demanda e ampliar as prazas nos horarios de máxima afluencia, especialmente a primeira hora da mañá nas rutas que entran na cidade. Tamén considera necesario coordinar os autobuses urbanos e interurbanos cos horarios dos trens, de maneira que os transbordos poidan realizarse sen esperas prolongadas.
Outra das propostas é facilitar o acceso das bicicletas a todos os medios de transporte metropolitano. ADEGA reclama, ademais, que as administracións se reúnan cos colectivos de persoas usuarias para escoitar as súas demandas e abordar os problemas do servizo.