‘Achégate’, o novo transporte gratuíto para maiores de 70 anos que conectará o rural de Betanzos co núcleo urbano

As persoas maiores de 70 anos que residen nas parroquias rurais poderán contar cun novo servizo de transporte adaptado gratuíto para desprazarse ata o núcleo urbano. Trátase de ‘Achégate’, unha iniciativa impulsada polo departamento municipal de Servizos Sociais co obxectivo de mellorar a mobilidade deste colectivo e facilitar o seu acceso aos servizos esenciais.
O programa amplía o transporte adaptado que xa ofrecía o Concello, ata agora dirixido principalmente a persoas con mobilidade reducida e dificultades para utilizar os medios de transporte convencionais, especialmente para acudir a centros sanitarios e equipamentos dos servizos sociais.
A nova modalidade pretende ir máis alá dos desprazamentos e converterse nunha ferramenta para favorecer a autonomía persoal, as relacións sociais e a participación na vida comunitaria. Para iso, estará vinculada ao programa ‘Betanzos Acompaña’, centrado na prevención da soidade non desexada entre as persoas maiores.
As rutas organizaranse unha vez rematado o prazo de inscrición, en función da demanda e dos domicilios das persoas solicitantes. O servizo funcionará semanalmente os martes, mércores e xoves, con recollida nos propios domicilios e horarios establecidos tanto para a ida como para o regreso.
Ademais, ao longo do ano tamén se programarán desprazamentos extraordinarios para facilitar a asistencia das persoas usuarias a actividades e eventos municipais.
O prazo de inscrición estará aberto entre o 12 e o 30 de novembro. As persoas interesadas poderán solicitar información ou tramitar a súa participación nos Servizos Sociais municipais ou chamando ao teléfono 981 770 707.
A alcaldesa, María Barral, destacou que a iniciativa busca favorecer a independencia das persoas maiores e facilitar que poidan seguir participando na vida da cidade, ademais de garantir os seus desprazamentos.