Aberto o proceso para reforzar a seguridade nas praias de Miño durante o verán

O Concello de Miño puxo en marcha o proceso para contratar catorce socorristas acuáticos de cara á tempada de verán de 2026, co obxectivo de garantir o servizo de salvamento e socorrismo nas praias municipais durante os meses de maior afluencia.
A convocatoria divídese en dúas liñas. Por unha banda, seleccionarase a sete persoas desempregadas para a súa contratación temporal, dentro dunha axuda concedida pola Xunta de Galicia por un importe de 17.100 euros. Por outra, o Concello creará unha bolsa de emprego para cubrir outras sete prazas de socorrista acuático con fondos municipais.
As contratacións terán unha duración aproximada de tres meses, previsiblemente entre o 15 de xuño e o 14 de setembro, e serán a xornada completa. As retribucións corresponderán ao convenio colectivo do Concello de Miño, coa equivalencia do grupo C2.
As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles para presentar as súas solicitudes, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As instancias poderán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da sede electrónica municipal ou polas vías previstas na normativa administrativa.
Entre os requisitos figura estar inscrito no Rexistro Profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia na sección de socorristas en espazos acuáticos naturais, ou ter presentada a solicitude de inscrición dentro dos prazos establecidos. Tamén se esixe contar co nivel Celga 3 ou equivalente, aínda que quen non o acredite deberá superar unha proba de coñecemento da lingua galega.
No caso das sete prazas financiadas pola Xunta, as persoas aspirantes deberán estar desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes na categoría de socorristas, non ocupadas e dispoñibles para o emprego.
O sistema de selección será de oposición libre, cun único exercicio tipo test de 20 preguntas, cunha duración máxima de 45 minutos e unha puntuación de ata 20 puntos.
Con esta convocatoria, Miño busca ter cuberto con antelación un servizo esencial para a tempada estival, especialmente nun municipio no que as praias son un dos principais espazos de ocio, turismo e actividade durante o verán.