Aberto o prazo para anotarse nas actividades de conciliación do Nadal en Paderne

O Concello de Paderne abriu o prazo de inscrición para o seu servizo de conciliación de Nadal, unha iniciativa dirixida a facilitar a organización familiar e laboral durante as vacacións escolares e ofrecer á cativada espazos educativos, de lecer e convivencia en igualdade.
A actividade desenvolverase entre o 22 de decembro de 2026 e o 7 de xaneiro de 2027, agás os días festivos e o 24 e o 31 de decembro. O horario será de 8.00 a 15.00 horas, cunha entrada flexible entre as 8.00 e as 9.00 horas e a saída entre as 14.00 e as 15.00 horas.
O servizo está destinado a nenos e nenas nados entre 2022 e os 14 anos de idade, con preferencia para aqueles empadroados no municipio. A oferta estará limitada a 45 prazas e o prazo para presentar as solicitudes rematará o 25 de novembro.
Criterios de acceso e selección
No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, o Concello aplicará varios criterios de prioridade. Teranse en conta, entre outras circunstancias, que a renda familiar sexa inferior a tres veces o IPREM, pertencer a unha familia monoparental ou numerosa, ser muller vítima de violencia de xénero, estar en situación de desemprego de longa duración ou ter necesidades de coidados.
Tamén se valorará que ambos os proxenitores estean en situación laboral activa. Se, unha vez aplicados estes criterios, continúa habendo máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público e elaborarase unha lista de agarda. No caso dos irmáns, cada grupo participará no sorteo cun único número.
Xogos, música e actividades deportivas
As aulas desenvolveranse no centro de maiores, na aula de informática, na biblioteca e no parque anexo ao Concello, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Os participantes organizaranse en dous grupos segundo a idade: un para menores de ata seis anos e outro para nenos e nenas de entre sete e 14 anos.
A programación incluirá xogos de cooperación, propostas populares e tradicionais, actividades musicais e artísticas, iniciativas audiovisuais e transversais, así como prácticas deportivas.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, a listaxe provisional de admitidos publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal. As persoas solicitantes disporán de dous días hábiles para presentar alegacións.