A Xustiza recoñece o acoso laboral á secretaria e á interventora de Cambre e condena o Concello a pagar 20.000 euros

ACoruñaXa
A sentenza considera acreditado que ambas as funcionarias sufriron hostigamento durante o anterior mandato de Unión por Cambre e sinala que o Concello incumpriu as súas obrigas de prevención de riscos laborais, pero o fallo aínda non é firme
Imaxe do Concello de Cambre
13 Nov 2026

A Xustiza recoñeceu que a secretaria e a interventora municipais de Cambre sufriron acoso laboral durante o anterior mandato de Unión por Cambre (UxC) e condenou o Concello a indemnizar a ambas con 10.000 euros, respectivamente. A sentenza, ditada pola praza número 6 da Sección do Social do Tribunal de Instancia da Coruña, considera que o Concello vulnerou os seus dereitos fundamentais ao incumprir as súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais.

A resolución, que aínda non é firme, establece que existiu un conxunto de actuacións dirixidas a desacreditar as dúas funcionarias e deteriorar deliberadamente as súas condicións de traballo. A maxistrada analiza o trato recibido por ambas durante o conflito administrativo que mantiveron co anterior goberno local, así como as declaracións públicas e outras actuacións institucionais que contribuíron á súa exposición e descrédito.

Entre os episodios examinados figuran unha rolda de prensa celebrada en setembro de 2023, as declaracións posteriores de responsables municipais e a utilización do boletín municipal Novas de Cambre, financiado con fondos públicos. A sentenza tamén recolle unha fotografía institucional do Entroido na que a daquela alcaldesa, María Pan, e varios concelleiros aparecían caracterizados como as nenas da película O resplandor. Segundo a resolución, dúas testemuñas relacionaron esa imaxe coas funcionarias.

A xuíza tamén ten en conta que se lles negou a palabra en sesións plenarias e que recibiron peticións de informes con urxencias que considera inxustificadas. Estas actuacións, segundo o fallo, contribuíron a xerar un clima que acabou derivando en burlas, insultos e ameazas por parte de terceiras persoas.

A responsabilidade do Concello e a prescrición da acción contra a exalcaldesa

A sentenza considera que os responsables do anterior goberno municipal trasladaron ás funcionarias a responsabilidade polos problemas administrativos do Concello, malia que os seus informes e reparos non tiñan carácter vinculante. Tamén lembra que as dificultades en materia de contratación xa foran advertidas polo anterior interventor desde 2020.

A maxistrada conclúe que as actuacións acreditadas constitúen acoso laboral e que o Concello debe responder por non cumprir adecuadamente as súas obrigas de protección e prevención. A indemnización fixada ascende a 10.000 euros para cada unha das traballadoras, o que supón un desembolso total de 20.000 euros con cargo ás arcas municipais.

Por outra banda, a resolución declara prescrita a acción exercitada contra a exalcaldesa María Pan, ao ter transcorrido máis dun ano entre os feitos e a presentación da demanda. Polo tanto, non existe unha condena individual contra ela neste procedemento. A demanda inicial das dúas funcionarias reclamaba unha indemnización conxunta de 180.000 euros.

O goberno local estuda se presenta recurso

A actual alcaldesa, Diana Piñeiro, destacou o alcance institucional da sentenza e considera que a resolución desmonta o relato que responsabilizaba as dúas traballadoras da situación administrativa do Concello. A rexedora lembrou que os problemas de contratación xa existían antes do conflito e defendeu a independencia das funcións que desempeñan a Secretaría e a Intervención municipais.

O goberno local está a estudar a posibilidade de recorrer o fallo. Para iso, a alcaldesa solicitou á asesoría xurídica externa encargada da defensa municipal que concrete os posibles fundamentos legais dun recurso de suplicación.

A resolución xudicial chega despois dun conflito que se prolongou durante varios anos e que xa provocara distintas actuacións e denuncias públicas. En xullo deste ano, a secretaria e a interventora reclamaban unha indemnización de 180.000 euros polo suposto acoso laboral, nun procedemento no que tamén compareceron antigos responsables políticos do municipio.

0.15021896362305