A Xunta e o Concello de Vilasantar asinan a humanización da travesía AC-194

ACoruñaXa
Na reurbanización da travesía urbana elevarase o pavimento e darase máis protagonismo aos peóns
Sinatura colaboración Xunta-Vilasantar
Sinatura colaboración Xunta-Vilasantar
24 ene 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Vilasantar asinaron hoxe a colaboración para calmar o tráfico e humanizar a travesía da AC-194, cun orzamento de preto de 169.000 euros. Esta cooperación entre as dúas administracións permitirá levar a cabo a reurbanización da travesía urbana na contorna do edificio consistorial, situado nas Raposeiras, o núcleo principal do municipio.

Tal e como se recolle no texto do convenio estas actuacións contan cun orzamento de case 169.000 euros, financiado integramente pola Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas. Pola súa banda, o Concello de Vilasantar asumirá o compromiso de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución dos traballos obxecto deste convenio. É dicir, comprométese a redactar o proxecto e a licitar e executar as obras, ademais de asumir as obrigas económicas que excedan o importe consignado neste acordo.

Tras o acto administrativo celebrado edificio do Concello, o goberno local continuará cos trámites correspondentes de cara á licitación das obras, que prevé facer de xeito inmediato, co obxectivo de iniciar os traballos na primavera e cun prazo de execución de 2 meses.

Pavimentación e humanización da travesía

A intervención consistirá nas actuacións previas de fresado e posterior pavimentación da travesía, desde o cruce coa estrada autonómica AC-840 ata a saída a esa mesma estrada, ao longo dunha lonxitude de arredor de 1,5 km. Na contorna da casa consistorial e da súa praza construirase unha plataforma elevada con distinto pavimento co obxectivo de acougar o tráfico e humanizar a zona.

Así, ao longo de aproximadamente 70 metros, a estrada elevarase 10 centímetros e ademais, para reforzar a seguridade viaria en toda esta zona, disporanse 3 novos pasos de peóns sobreelevados ao longo do percorrido da travesía. Finalmente, as actuacións completaranse cos traballos de adaptación de pozos e sumidoiros e coa sinalización vertical e horizontal.