A Xunta abre unha nova vía para os propietarios afectados polo PIA de Monte Mero

A Xunta move ficha no desenvolvemento dos Proxectos de Interese Autonómico residenciais e abre unha nova vía para os propietarios de parcelas afectados, unha medida que ten impacto directo no caso de Monte Mero, na Coruña. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou que estes titulares poderán solicitar a súa participación no desenvolvemento dos ámbitos, como alternativa á expropiación.
A proposta chega nun momento especialmente sensible para Monte Mero, onde o avance do PIA mantén aberta a preocupación entre a veciñanza afectada. O proxecto prevé transformar máis de 400.000 metros cadrados no sur da cidade para construír 4.397 vivendas, das que 3.521 serían protexidas. A actuación abrangue terreos situados entre Alfonso Molina, a Cidade das TIC, a avenida da Pasaxe e Xuxán.
Segundo explicou a conselleira María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, a Xunta abrirá un prazo para que os propietarios poidan presentar solicitudes e participar no desenvolvemento urbanístico. Para facelo, deberán acreditar a súa titularidade antes da aprobación da delimitación do PIA.
A participación poderá formularse de maneira individual ou a través de agrupacións de propietarios. En todo caso, quen opte por esta vía terá que asumir os gastos de urbanización que lle correspondan, destinar a edificabilidade á construción de vivenda, solicitar a licenza urbanística e iniciar as obras no prazo que se fixe na resolución. A formalización realizarase mediante convenio.
A Xunta defende que esta fórmula permite dar unha saída aos propietarios de solo que queiran implicarse no desenvolvemento do ámbito, en lugar de limitarse a recibir o prezo da expropiación. Allegue insistiu en que as valoracións do solo veñen determinadas pola normativa estatal e non pola Administración autonómica.
A conselleira tamén subliñou que todos os ámbitos seleccionados para os PIA contan coa conformidade dos concellos e que se trata de solos clasificados como urbanizables, é dicir, terreos aptos para converterse en urbanos tras as actuacións necesarias. No caso de Monte Mero, a Xunta enmarca o proxecto na súa estratexia para crear máis vivenda protexida en zonas con forte demanda residencial.
A situación das vivendas afectadas continúa sendo outro dos puntos máis sensibles. A Xunta asegura que xa mantivo contactos cos propietarios e que as consultoras están realizando valoracións. Para as persoas que teñan no ámbito a súa residencia habitual e permanente, a Administración ofrece unha vivenda de reemprazo, que poderá ser colectiva ou unifamiliar. Se o propietario o prefire, poderá recibir o prezo xusto expropiatorio en metálico.
No caso das segundas residencias, os titulares terán dereito ao prezo xusto expropiatorio da vivenda e poderán adquirir de forma directa unha parcela dentro do ámbito para construír unha nova casa.
A Administración autonómica sostén que actúa con transparencia, que busca reducir ao máximo a afección e que manterá o diálogo cos propietarios de vivendas e de solo. Con todo, o anuncio prodúcese despois de semanas de mobilizacións e alegacións por parte da veciñanza de Monte Mero, que reclama garantías claras, solucións individualizadas e respostas por escrito antes de que avance a tramitación definitiva do proxecto.