A veciñanza da Coruña reclama á Xunta información sobre o novo mapa do bus metropolitano

ACoruñaXa
A Federación de Asociacións Veciñais alerta de problemas de conexión, paradas que deixan usuarios en terra e falta de coordinación nalgunhas zonas da cidade
A CORUÑA bus
25 Sep 2026

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana reclama á Xunta de Galicia máis información sobre o futuro mapa de rutas e paradas do transporte metropolitano e pide que as entidades veciñais participen no deseño das novas conexións.

A organización trasladou este xoves a súa preocupación polo funcionamento actual dos servizos de autobús dependentes da Administración autonómica e considera necesario abordar os cambios previstos mediante diálogo e consenso coa veciñanza.

Un dos principais problemas sinalados pola Federación é a falta de conexión directa do bus metropolitano coa Universidade da Coruña e cos polígonos industriais, dous destinos que concentran numerosos desprazamentos. Segundo denuncia, esta situación obriga nalgúns casos a realizar percorridos pouco eficientes, entrando na cidade para posteriormente volver saír cara ao destino final.

Queixas desde diferentes barrios

As críticas tamén chegan desde distintos puntos da Coruña. En Catro Camiños, a veciñanza sinala problemas de coordinación entre os autobuses metropolitanos e o tráfico urbano, especialmente pola concentración destes vehículos nas dúas paradas da Costa da Palloza, tanto nos percorridos de entrada como nos de saída da cidade.

A situación tamén preocupa en Palavea e Santa Xema, onde a Federación recolle o malestar pola eliminación da parada de Alcampo no servizo entre A Coruña e Santiago.

Segundo a organización veciñal, esta parada tiña un uso importante para a cidadanía e estaba situada ademais nas proximidades da Cidade das TIC, unha zona que está experimentando un proceso de expansión e que, ao seu xuízo, require mellores conexións.

A Federación denuncia ademais que, a pesar da eliminación formal da parada, na práctica prodúcense situacións nas que os autobuses poden deterse ou non dependendo das circunstancias. Esta falta de previsibilidade, segundo sinala, provoca que usuarios queden nalgúns casos en terra ao non poder subir ao vehículo.

Críticas á planificación das novas paradas

Outro dos asuntos que a Federación pon sobre a mesa é a proposta de instalar unha nova parada na Ronda de Outeiro, na zona de Pérez Ardá.

A organización considera que a localización inicialmente prevista entra en conflito con outros usos existentes nese espazo, entre eles zonas de carga e descarga e o carril bici. Ante esta situación, apunta que se están buscando alternativas mediante o diálogo coa veciñanza da zona.

Para a Federación, estes episodios evidencian problemas de planificación e reclama que as modificacións do transporte metropolitano non se adopten de maneira illada.

A entidade considera que a mobilidade na área metropolitana debe garantir accesibilidade, eficiencia e previsibilidade, especialmente nun momento no que se prepara unha nova configuración das rutas e das paradas.

Reclaman coñecer o novo mapa de rutas e paradas

Por todo isto, a Federación pide á Xunta que manteña un diálogo coas asociacións veciñais e que lles presente a proposta do novo mapa de rutas e paradas antes da súa implantación.

A organización considera que coñecer con antelación os cambios permitiría analizar como afectan ás necesidades reais da poboación e detectar posibles problemas de conexión ou accesibilidade.

A futura intermodal é vista pola Federación como unha oportunidade para reducir a presenza de autobuses metropolitanos nas rúas da cidade e mellorar o funcionamento do servizo, especialmente nas zonas da área metropolitana con maiores dificultades de conexión.

Para que ese cambio cumpra ese obxectivo, a entidade reclama que o deseño do novo sistema teña en conta os usos actuais do transporte, os percorridos da cidadanía e as necesidades detectadas polos barrios.

0.15169620513916