A veciñanza da Coruña alerta dos problemas de mobilidade que pode provocar o novo transporte metropolitano

ACoruñaXa
A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana cuestiona a precipitación dos cambios que entran en vigor este martes coa apertura da Intermodal e reclama á Xunta máis información, coordinación e participación
Bus 1A Coruña Santa cristina
2 Nov 2026

A entrada en funcionamento este martes, 3 de novembro, dos cambios no transporte metropolitano da Coruña está a xerar preocupación entre asociacións veciñais e persoas usuarias. A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana mantivo unha reunión con representantes de distintas entidades para analizar a reorganización dos servizos, que coincide coa apertura da estación Intermodal, e trasladou o malestar existente pola forma en que se está a implantar o novo sistema.

Segundo explica a Federación, os cambios se están levando a cabo de maneira precipitada, sen información suficiente e sen un proceso previo de participación que permitise á veciñanza coñecer os novos percorridos, avaliar as consecuencias e presentar propostas. A entidade considera que esta falta de diálogo está a provocar incerteza entre as persoas que dependen diariamente do autobús.

Entre os aspectos que máis inquietan aos colectivos están a supresión de paradas que prestaban un servizo importante, como a da Costa da Palloza, e a distancia entre determinados puntos de subida e baixada. Tamén advirten dos posibles problemas de tráfico que poderían producirse na avenida da Sardiñeira e na contorna de Catro Camiños, así como da falta de conexións en distintos núcleos da área metropolitana.

Outra das cuestións sinaladas é a concentración de servizos na parada provisional de Alfonso Molina. A Federación teme que esta solución temporal se prolongue durante un período excesivo e acabe converténdose nunha situación permanente de feito.

Reclaman unha planificación global do transporte metropolitano

A organización veciñal considera que a apertura da Intermodal debería servir para impulsar unha mellora global da mobilidade metropolitana, cunha planificación coordinada e con frecuencias e percorridos adaptados ás necesidades reais da poboación. Neste sentido, insiste en que non se pode deixar sen unha conexión próxima e adecuada a núcleos habitados da contorna da Coruña.

A Federación lembra que xa trasladara estas preocupacións á Xunta e que solicitara unha fase de exposición pública para estudar os cambios e presentar achegas. Esa petición foi rexeitada, segundo indica a entidade, que tamén denuncia que continúa faltando información clara para coñecer con detalle os novos itinerarios.

A organización aclara que non cuestiona a apertura da estación Intermodal, senón o momento e a maneira en que se está a desenvolver a reorganización do transporte. Por iso, reclama á Xunta que escoite as demandas das asociacións e das persoas usuarias e corrixa as deficiencias que poidan xurdir coa posta en marcha do novo sistema, para evitar que os cambios supoñan máis dificultades para quen utiliza o autobús a diario.

0.14834713935852