A UDC e ASPACE afianzan a colaboración na formación de profesionais para atender a persoas con discapacidade

ACoruñaXa
A Universidade e ASPACE colaboran dende hai máis de 25 anos, acollendo alumnado en prácticas de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, educación social, integración social, entre outras, axudando á formación de futuros profesionais na atención das persoas con discapacidade
Imaxe da visita do reitor da UDC a ASPACE este luns en Sada
Imaxe da visita do reitor da UDC a ASPACE este luns en Sada
4 mar 2024

ASPACE Coruña recibiu este luns a visita do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, que acudiu á asociación para coñecer o traballo que se realiza a favor da mellora de vida das persoas con parálise cerebral.

A Universidade e ASPACE colaboran dende hai máis de 25 anos, acollendo alumnado en prácticas de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, educación social, integración social, entre outras, axudando á formación de futuros profesionais na atención das persoas con discapacidade. A asociación achega o seu coñecemento especializado para traballar en proxectos de innovación e investigación ao servizo das persoas, e proba diso son iniciativas como “Talentos Inclusivos”, que este ano cumpre xa a súa cuarta edición favorecendo o deseño e creación de dispositivos tecnolóxicos que fagan máis fácil a vida das persoas con parálise cerebral.

O reitor visitou os diferentes centros de ASPACE Coruña acompañado da presidenta da asociación, Mª Carmen Barreiro, e o xerente, Ricardo Iglesias, que lle explicaron o funcionamento dos diferentes servizos e actividades, así como proxectos como o da alimentación texturizada.

Ricardo Cao destacou o labor de innovación de ASPACE Coruña e felicitou á entidade e aos seus profesionais pola gran atención e o agarimo que ofrecen a todas as persoas con parálise cerebral. “Síntome moi contento de ter a oportunidade de coñecervos mellor. Creo que ASPACE Coruña fai unha grandísima labor e estou convencido de que a Universidade da Coruña poderá emprender máis proxectos conxuntos convosco”, afirmou o reitor, que tamén pasou polos micrófonos da Radio dos Gatos e recibiu unha figura conmemorativa da entidade elaborada no taller artístico.