A plantilla de Losán alerta de que o plan de reestruturación non asegura nin salarios nin actividade

GaliciaXa | ACoruñaXa
O comité advirte de que a proposta presentada ao xulgado do mercantil busca reordenar a débeda, pero non ofrece garantías sobre o futuro das plantas de Curtis e Vilasantar
CURTIS folga losan teixeiro
10 Jun 2026

O comité de Industrias Losán advertiu este martes da incerteza que continúa a pesar da presentación dos plans de reestruturación da empresa ante o xulgado do mercantil. A representación do persoal asegura que a documentación coñecida ata o momento non permite falar dun verdadeiro plan de viabilidade industrial, xa que non concreta como se van pagar os salarios pendentes nin cando se poderá recuperar a actividade produtiva.

Segundo trasladou o presidente do comité, Xosé Anxo Sánchez, a proposta da compañía semella estar máis orientada á reestruturación da débeda e á protección do patrimonio da propiedade que á reactivación das fábricas con garantías de emprego, carga de traballo e abono das nóminas atrasadas.

O persoal denuncia que a empresa debe actualmente catro nóminas e media e que, malia recoñecer esa débeda salarial, non aclara cando nin de que maneira será saldada. A preocupación medra porque a dirección propón retomar a actividade industrial en breve, pero sen ofrecer garantías de cobro ás persoas traballadoras.

O comité considera inviable que se pida á plantilla volver aos postos de traballo arrastrando mensualidades pendentes e sen un calendario claro de pagos. Tamén cuestiona as previsións económicas incluídas no plan, especialmente no caso da planta de Curtis, para a que se contempla unha facturación de 11 millóns de euros en 2026 malia que, segundo a representación laboral, en pleno mes de xuño a fábrica segue sen actividade produtiva.

A representación sindical critica ademais que o documento non concrete que actividade desenvolverá cada planta, como se vai reconstruír a rede comercial, que produtos se fabricarán nin se a empresa contempla medidas laborais como un ERE ou un ERTE. Para o comité, despois de meses de incerteza, a folla de ruta presentada debuxa un futuro 'bastante desolador' para o persoal.

A crise afecta directamente a Industrias Losán en Curtis, a Aserpal en Vilasantar e ás oficinas centrais da Coruña, con preto de 200 traballadoras e traballadores pendentes dunha solución. O comité lembra que o grupo chegou a ser o segundo operador madeireiro máis importante do Estado e que en 2022 bateu récord de facturación antes de recibir un rescate de 35 millóns de euros da SEPI.

Ante este escenario, a representación do persoal reclama a implicación das administracións públicas, en especial da Xunta de Galicia, para que a Consellería de Industria convoque unha reunión urxente con todas as partes implicadas, incluída a SEPI, a dirección da empresa e os comités.

O obxectivo, segundo o comité, debe ser buscar alternativas que permitan reactivar as plantas, garantir carga de traballo e asegurar os postos de emprego. A representación laboral insiste en que non pide que a administración asuma o problema, senón que contribúa a articular unha saída viable, mesmo coa entrada de investidores interesados.

0.12215089797974