A crise de Losán agrávase coas nóminas pendentes e novas protestas da plantilla

A situación laboral en Losán continúa sen desbloquearse. A plantilla das factorías de Curtis e Vilasantar manterá as mobilizacións nas próximas semanas ante os impagos salariais que aínda arrastra a empresa, inmersa nun proceso decisivo para evitar o concurso de acredores. Segundo a representación dos traballadores, a débeda actual ascende a catro nóminas e media paga extra, correspondentes aos meses de febreiro, marzo, abril e maio, ademais da extra de marzo. A compañía abonou nas últimas semanas parte dos atrasos, pero o persoal sostén que a recuperación da actividade non pode formularse sen regularizar antes os soldos pendentes.
O grupo conseguiu a finais de abril unha prórroga tras rematar o prazo do preconcurso de acredores, o que lle permitiu presentar un plan de viabilidade para tentar garantir a continuidade empresarial. Esa proposta está agora pendente da avaliación xudicial e do período de impugnacións por parte dos acredores, nun escenario que mantén en vilo ás familias vinculadas ás plantas galegas.
O comité considera insuficiente a folla de ruta da empresa se non inclúe unha solución inmediata para as persoas traballadoras. A proposta de Losán pasa por reactivar de forma progresiva algunhas seccións das plantas, pero a representación sindical advirte de que esa saída resulta inviable mentres continúen sen cobrarse as nóminas atrasadas. O persoal reclama un plan industrial real, con compromisos sobre emprego, actividade produtiva e pagamento dos salarios.
A preocupación é especialmente elevada no interior da provincia, onde as instalacións de Curtis e Vilasantar teñen un peso relevante no tecido económico. A crise afecta arredor de 200 empregos vinculados aos centros galegos e tamén golpea a empresas auxiliares relacionadas co transporte, a madeira, os servizos y a actividade forestal. A propia SEPI cualificou no seu día a Losán como unha compañía estratéxica no sector da madeira polo seu impacto en Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha.
A compañía xa recibira apoio público de 35 millóns de euros, canalizado a través dun préstamo participativo de 21,6 millóns e outro ordinario de 13,4 millóns. Ese respaldo engade presión ao debate sobre o futuro do grupo, xa que os traballadores reclaman que as administracións se impliquen nunha solución que preserve a actividade industrial e evite a perda de emprego nunha zona con poucas alternativas laborais.
As próximas protestas poderían concentrarse de novo diante do xulgado e das oficinas centrais da compañía na Coruña. A plantilla xa vén reclamando desde hai meses unha mesa de negociación na que estean presentes a empresa, os comités, a Xunta, a SEPI e os concellos afectados. O obxectivo, insisten, é deseñar unha saída con garantías e non limitar a crise a unha reestruturación financeira que deixe nun segundo plano ás persoas traballadoras.