A planta de biogás de Soandres suma a oposición formal de Culleredo

O Concello de Culleredo presentou alegacións contra o proxecto dunha planta de biogás prevista na parroquia de Soandres, no municipio da Laracha, ao considerar que a infraestrutura podería ter consecuencias relevantes sobre a contorna. A documentación foi remitida á Consellería de Medio Ambiente no marco do procedemento de información pública da declaración de impacto ambiental e da solicitude de autorización ambiental integrada.
O goberno local solicita que a Xunta denegue a autorización do proxecto. O alcalde, José Ramón Rioboo, defende que o Concello actúa 'no exercizo de defensa dos intereses xerais da veciñanza' debido á proximidade da planta aos límites municipais e ao impacto que, ao seu xuízo, podería xerar a nivel ambiental, sanitario, paisaxístico e territorial.
A oposición de Culleredo xa fora expresada de maneira formal a través dunha declaración institucional aprobada polo pleno municipal. Desde que se coñeceu o proxecto, Rioboo mantivo contactos cos alcaldes da Laracha, Cerceda e Arteixo e participou tamén en mobilizacións contra a instalación.
Nas 16 alegacións presentadas, o Concello cuestiona a implantación da planta en solo rústico de protección común. A administración local considera que non queda suficientemente xustificada a necesidade desa localización concreta nin a proporcionalidade entre o impacto territorial que suporía a instalación e o interese público que se pretende obter.
O documento municipal sostén que a dimensión da infraestrutura supera a lóxica dunha actuación illada en solo rústico. A planta incluiría máis de 25 instalacións ou construcións, con dixestores de gran tamaño, cheminea, zonas de carga e descarga, depósitos, viais interiores, planta de tratamento de augas, almacenamento de dixestato, tráfico pesado e vertedura ao dominio público hidráulico.
Outro dos puntos centrais das alegacións é a mobilidade. Culleredo sinala que a planta prevé a entrada de ata 20 camións diarios de 20 toneladas, ademais doutros fluxos vinculados á produción e evacuación do biometano ou gases asociados. Por iso reclama un estudo específico de tráfico e seguridade viaria antes de calquera autorización.
O Concello pide que ese informe analice itinerarios de entrada e saída, horarios, tonelaxes, compatibilidade coas vías municipais e autonómicas, posible afección a núcleos de poboación, necesidades de reforzo do firme, responsabilidades de mantemento, risco de accidentes e un plan de emerxencia fronte a derrames, incendios ou incidencias no transporte.
A afección hídrica é outro dos argumentos principais. Culleredo rexeita que as augas procedentes da parte líquida do dixestato poidan eliminarse mediante vertedura ao medio, ao entender que se trata dun residuo ou subproduto derivado do tratamento de residuos orgánicos e SANDACH, e non dunha simple auga residual industrial.
O Concello tamén advirte de que a avaliación non pode limitarse á parcela nin ao punto inmediato de vertedura, xa que a localización prevista estaría vinculada a sistemas fluviais sensibles. Cita, entre outros, o río Anllóns, con desembocadura na ría de Corme-Laxe, e o sistema do río Valiñas, relacionado funcionalmente co Mero e coa ría do Burgo.
As alegacións inclúen ademais a preocupación polos olores, o ruído, o tráfico pesado, os bioaerosois, a presenza de vectores, a percepción de risco, a posible perda de tranquilidade e a desvalorización residencial. Para o Concello, todos estes factores deben analizarse como efectos acumulativos sobre a habitabilidade do territorio e non como molestias illadas.
Culleredo engade outros reparos ao expediente, como a falta de documentación no trámite de información pública, un posible erro na cualificación dos residuos SANDACH, a insuficiente análise do solo e da estabilidade xeotécnica da parcela, a posible afección ao patrimonio cultural e a necesidade de verificar servidumes vinculadas a infraestruturas eléctricas.