A piscina municipal de Carral reabre tras superar as analíticas e fai un chamamento ao civismo da veciñanza

ACoruñaXa
As instalacións volven estar operativas desde este xoves, 25 de xuño, despois dos traballos de limpeza, desinfección e control da calidade da auga
carral-piscina
25 Jun 2026

A piscina municipal de Carral recupera a súa actividade desde hoxe, xoves 25 de xuño, despois de permanecer pechada de forma temporal por unha incidencia rexistrada esta semana. O Concello confirmou a reapertura unha vez finalizados os traballos de desinfección, limpeza e as correspondentes analíticas da auga, que certificaron que as instalacións reúnen todas as garantías para un baño seguro.

Segundo explicou o goberno local, durante os últimos días levouse a cabo unha posta a punto completa das instalacións para garantir que a piscina poida volver recibir usuarios en condicións óptimas.

Con motivo da reapertura, o Concello tamén lanzou unha mensaxe á cidadanía apelando á responsabilidade compartida no uso deste espazo público. A administración local agradeceu a comprensión mostrada pola veciñanza durante os días de peche e fixo un chamamento ao civismo das persoas usuarias para evitar que se repitan situacións como a que obrigou a interromper temporalmente o servizo.

O executivo municipal lembra que o bo estado das instalacións depende tamén do comportamento de quen fai uso delas, polo que solicita a colaboración de todos os bañistas para preservar un espazo de lecer especialmente concorrido durante os meses de verán.

0.12810802459717