A piscina municipal de Carral pecha poucos días despois de abrir por un acto incívico na auga

A piscina municipal de Carral permanecerá pechada ata novo aviso poucos días despois de abrir as súas portas ao público. O Concello viuse obrigado a clausurar a instalación tras detectar un episodio de insalubridade na auga, unha situación que obriga agora a activar os protocolos de limpeza e control sanitario antes de permitir de novo o baño.
O goberno local explicou que unha persoa realizou unha deposición dentro da piscina, polo que se procederá á limpeza da instalación e á realización das correspondentes analíticas para comprobar que a auga volve reunir todas as condicións de seguridade. Mentres non se complete ese proceso, o recinto seguirá pechado.
O caso prodúcese despois dun verán, o pasado ano, no que varios concellos tiveron que pechar temporalmente piscinas públicas por episodios similares vinculados a un reto viral difundido en redes sociais. En Galicia tamén se rexistraron incidencias deste tipo en instalacións municipais, con peches preventivos, desinfección da auga e análises posteriores antes da reapertura.
Desde o Concello de Carral lamentan o prexuízo que estas condutas provocan á veciñanza, especialmente ao tratarse dun servizo moi demandado durante os meses de calor. Ademais das molestias para as persoas usuarias, estes actos supoñen un custo económico para as arcas municipais, xa que obrigan a interromper a actividade, reforzar a limpeza e realizar probas sanitarias.
A administración local lembra que non é a primeira vez que se producen feitos deste tipo na piscina municipal, xa que o pasado verán tamén se rexistraran episodios similares. Por iso, pide colaboración cidadá para tratar de aclarar o sucedido e solicita que calquera persoa que teña información a traslade á Policía Local.