A FP Básica prevista para o IES de Carral non se impartirá o próximo curso por falta de matrículas

A Formación Profesional Básica de Mantemento de Vehículos prevista para o IES de Carral non sairá adiante o próximo curso ao non reunir o número mínimo de solicitudes de matrícula necesarias para a súa posta en marcha, segundo asegurou este martes Alternativa dos Veciños. O desenlace pon fin, polo menos de momento, a un dos conflitos educativos máis intensos vividos no municipio durante os últimos meses.
A implantación deste ciclo xerou desde o seu anuncio un forte rexeitamento por parte do equipo directivo, do profesorado e dunha parte das familias, que denunciaban a falta de planificación, diálogo e espazos adecuados para incorporar a nova oferta formativa. As protestas incluíron concentracións, unha manifestación, unha xornada de folga e mesmo a dimisión en bloque do equipo directivo do instituto.
Alternativa dos Veciños sostén agora que a falta de alumnado confirma as críticas que viña realizando durante todo o proceso e considera que a proposta non respondeu ás necesidades reais da comunidade educativa nin contou coa planificación necesaria para a súa posta en marcha. A formación tamén cuestiona a actuación do Goberno local e da Xunta, aos que acusa de impulsar o proxecto sen consenso suficiente.
A polémica chegou tamén ao pleno extraordinario celebrado a finais de xuño, no que goberno e oposición escenificaron as súas diferenzas sobre o futuro do ciclo. Mentres o executivo municipal defendía a iniciativa como unha oportunidade para ampliar a oferta educativa do municipio, os grupos da oposición reclamaban máis información, planificación e consenso antes de poñer en marcha a FP Básica.