A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana súmase á folga xeral do 11 de novembro pola vivenda e os salarios dignos

ACoruñaXa
O colectivo xustifica o seu apoio á mobilización na dificultade crecente para acceder a unha vivenda e en uns salarios que considera insuficientes para cubrir o custo de vida
folga recurso (redimensionado)
Imaxe de arquivo ilustrativa
8 Nov 2026

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana anunciou a súa adhesión á folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro, unha xornada de mobilización que pon o foco en dúas reivindicacións que a entidade considera prioritarias: o dereito a unha vivenda digna e o acceso a salarios que permitan á cidadanía construír un proxecto de vida estable.

Con este respaldo, a federación coruñesa súmase tamén á postura adoptada a nivel estatal polo movemento veciñal, articulado arredor da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), que xa se pronunciara a favor de participar na convocatoria.

Desde a organización explican que o encarecemento do alugueiro e da compra de vivenda está a empuxar a numerosas persoas a abandonar os seus barrios de sempre, o que dificulta tanto a súa emancipación como a súa permanencia nas comunidades nas que desenvolveron a súa vida. Segundo a federación, este problema afecta de forma transversal a distintas xeracións, desde as persoas maiores ata a mocidade e as familias traballadoras.

A entidade vincula ademais esta problemática coa situación laboral, ao entender que uns ingresos insuficientes impiden a boa parte da cidadanía afrontar o custo de vida e participar en igualdade de condicións no día a día das súas comunidades. Neste sentido, sosteñen que defender a vivenda e os salarios dignos equivale tamén a defender a cohesión social dos barrios e o dereito dos seus veciños a seguir residindo neles.

A federación lembra que o movemento veciñal mantivo historicamente un compromiso coa mellora das condicións de vida da poboación, e subliña que estas reivindicacións inciden directamente na capacidade dos barrios para conservar a súa diversidade social, a súa identidade e as súas redes de apoio mutuo.

Por todo iso, a organización fixo un chamamento ás asociacións veciñais que forman parte da federación, así como ao conxunto da cidadanía, para que se sumen ás mobilizacións previstas o 11 de novembro. Con esta adhesión, a entidade reafirma o seu compromiso coa xustiza social e cun movemento veciñal activo fronte aos grandes retos que, ao seu xuízo, afectan actualmente á poboación.

0.15874195098877