A falta de cobertura móbil deixa á veciñanza de Vilasantar en situación de desconexión

A mala cobertura móbil volve ao centro das reclamacións institucionais en Vilasantar. O Concello presentou novas queixas formais ante o Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Valedora do Pobo, Telefónica e Vodafone para esixir unha solución a un problema que, segundo sinala o goberno local, afecta desde hai anos á vida diaria da veciñanza.
O consistorio actúa en representación das persoas residentes no municipio, que trasladan de maneira reiterada dificultades para realizar chamadas, conectarse a internet a través de datos móbiles ou manter unha comunicación estable. A situación, advirte o Concello, non é só unha incomodidade, senón un problema que pode ter consecuencias graves en casos nos que sexa necesario contactar con servizos sanitarios, emerxencias ou familiares.
Vilasantar lembra que non ten competencias directas en materia de telecomunicacións, pero insiste en que iso non pode servir para deixar sen resposta unha demanda básica. O Concello xa presentara en 2023 unha queixa ante a Valedora do Pobo, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e as principais operadoras, ademais de solicitar a mediación da institución galega. Porén, segundo explica, a resposta pasou por recomendar á veciñanza que presentase reclamacións individuais para facer presión e acelerar unha posible solución.
Agora, a administración local reclama un paso máis. Pide que se realice un estudo de cobertura e medición de sinal sobre o terreo para coñecer con precisión os puntos máis afectados e que, a partir deses datos, se adopten medidas técnicas urxentes para reforzar o servizo. O obxectivo é garantir unha sinal móbil digna, estable e de calidade en todo o municipio.
O Concello subliña que a falta de cobertura agrava a fenda dixital no rural e limita o acceso da veciñanza a servizos cada vez máis dependentes da conexión móbil. Trámites administrativos, teletraballo, actividade comercial, explotacións agrícolas ou comunicacións básicas quedan condicionadas por un servizo deficiente que, segundo o goberno local, mantén a parte da poboación nunha situación de incomunicación.
Desde Vilasantar esperan que as administracións e operadoras con competencias na materia escoiten esta nova reclamación e actúen con urxencia. O Concello insiste en que a veciñanza ten dereito a un servizo de telefonía móbil acorde ás necesidades actuais e lembra que vivir no rural non pode significar quedar á marxe da conectividade básica.