A falta de auga no verán reabre o debate sobre a xestión conxunta en catro concellos das Mariñas

ACoruñaXa
O BNG propón que Bergondo, Cambre, Oleiros e Sada estuden unha fórmula común para o servizo e reclama dous novos depósitos nestes dous últimos concellos
BNG auga bergondo, cambre, oleiros e sada
24 Jun 2026

Os problemas de subministración e calidade da auga volven situarse no centro do debate político nas Mariñas. O BNG reclama que Bergondo, Cambre, Oleiros e Sada estuden a posibilidade de xestionar de forma conxunta o abastecemento, ao tratarse de catro concellos que xa comparten rede de distribución e que afrontan dificultades similares.

A formación nacionalista abordou a cuestión nunha reunión con representantes municipais dos catro concellos e coa deputada no Parlamento Galego Iria Taibo. O obxectivo é impulsar solucións coordinadas ante un problema que, segundo advirten, tende a agravarse pola presión demográfica, o aumento do consumo nos meses de verán e os efectos do cambio climático.

En Sada e Bergondo, veciños de varias parroquias levan meses denunciando episodios de turbidez na auga, nalgúns casos de maneira continuada. En Cambre e Oleiros, pola súa banda, o crecemento da poboación xa provocou limitacións no abastecemento en anos anteriores, especialmente durante a época estival.

O BNG considera que o momento é axeitado para abrir este debate, xa que varios destes concellos teñen caducados os contratos de concesión do servizo. Por iso, defende que, como mínimo, as administracións locais estuden a creación dunha fórmula compartida que permita mellorar a planificación, a distribución e a resposta ante incidencias.

A proposta inclúe tamén dúas actuacións que a formación considera urxentes: a construción dun novo depósito de auga en Sarro, na parroquia oleirense de Nós, e outro en Sada. Segundo o BNG, estas instalacións permitirían reforzar o sistema actual e facilitar unha mellor distribución do caudal entre os catro municipios.

Os nacionalistas levarán esta demanda aos plenos municipais de Bergondo, Cambre, Oleiros e Sada, ademais de trasladala ao Parlamento Galego. Taibo xa rexistrou a proposta relativa ao depósito de Sarro e a formación prevé incorporar tamén o resto de reclamacións.

Desde o BNG insisten en que a xestión da auga debe abordarse como un servizo básico e non como unha cuestión partidaria, xa que afecta directamente á calidade de vida da veciñanza e á capacidade dos concellos para responder aos períodos de maior consumo.

0.12922406196594