Unha avaría tras dous cortes de luz explica a turbidez da auga en Sada e As Mariñas

ACoruñaXa
Emalcsa atribúe o problema á parada brusca do bombeo e á rotura dunha tubaxe de impulsión, aínda que asegura que non se interrompeu a subministración
Estado-da-auga-Portomarín
Imaxe de recurso relacionada co servicio de suministro de auga
23 Jun 2026

A turbidez da auga detectada nos últimos días en Sada e noutros concellos das Mariñas ten a súa orixe en dous cortes de corrente imprevistos rexistrados os días 17 e 21 de xuño, segundo explicou Emalcsa nun comunicado difundido polo Concello de Sada.

A empresa subministradora sinala que eses cortes eléctricos provocaron unha parada abrupta do sistema de bombeo e, posteriormente, a rotura dunha tubaxe de impulsión. A incidencia afectou ao sistema que dá servizo a municipios como Oleiros, Sada, Bergondo e Cambre.

Segundo Emalcsa, os traballos de reparación iniciáronse de inmediato e realizáronse procurando non interromper a subministración aos concellos afectados. Para iso, empregáronse os depósitos dispoñibles mentres se resolvía a avaría.

A compañía explica que esta situación puido provocar un incremento da turbidez pola mobilización de substancias propias da auga potable que, co paso do tempo, quedan depositadas nas paredes das tubaxes.

Desde o Concello de Sada trasladaron o aviso á veciñanza e difundiron as explicacións da empresa subministradora, que lamenta as molestias ocasionadas polos episodios rexistrados nos últimos días.

0.11988496780396