A DXT vixiará os pneumáticos e as luces dos vehículos en Galicia durante catro días

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A campaña especial desenvolverase do 26 ao 29 de outubro, coincidindo co cambio ao horario de inverno, e busca reforzar a seguridade viaria ante a menor luminosidade e as condicións meteorolóxicas adversas
DGT Portada
25 Oct 2026

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Garda Civil de Tráfico activan este luns, 26 de outubro, un plan especial de vixilancia dos pneumáticos e do alumeado dos vehículos en Galicia. A campaña prolongarase ata o xoves 29 e desenvolverase exclusivamente na comunidade autónoma, coincidindo coa chegada do horario de inverno.

Durante estes catro días, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil prestarán especial atención ao estado e ao mantemento destes dous elementos fundamentais para a seguridade viaria. A iniciativa busca reducir os riscos asociados á menor luminosidade desta época do ano, ao cambio de hora e ás condicións meteorolóxicas adversas propias do outono.

A campaña tamén contará con mensaxes informativas nos paneis de sinalización variable das estradas galegas para advertir os condutores sobre o seu desenvolvemento e lembrarlles a importancia de manter os vehículos en condicións adecuadas.

Os pneumáticos, clave para a adherencia

A DXT lembra que os pneumáticos son o único punto de contacto entre o vehículo e a estrada, polo que o seu estado resulta determinante para a adherencia, a freada e a estabilidade durante a condución.

A profundidade das rañuras do debuxo debe ser de polo menos 1,6 milímetros, o límite mínimo legal, aínda que Tráfico recomenda que alcance os 3 milímetros para circular con maiores garantías de seguridade.

Segundo os datos facilitados polo organismo, máis dun millón de vehículos, arredor do 5 % do total, circulan con defectos graves nas rodas. Entre os problemas máis habituais figuran o desgaste excesivo do debuxo, o desgaste irregular por unha suspensión deficiente ou unha aliñación incorrecta e a presión inadecuada.

Por iso, a DXT recomenda comprobar periodicamente a presión dos pneumáticos en frío, incluída a da roda de reposto, e revisar que non existan fugas de aire nas válvulas. Tamén lembra a importancia de manter colocados os tapóns das válvulas para garantir a súa estanqueidade.

A importancia de ver e ser vistos

O outro elemento central da campaña será o sistema de iluminación e sinalización dos vehículos. As luces permiten mellorar a visibilidade da persoa que conduce, pero tamén facilitan que o vehículo sexa detectado polo resto de usuarios da vía, especialmente polos peóns e ciclistas.

A DXT insiste na necesidade de comprobar o funcionamento das lámpadas, o estado dos faros e a súa correcta regulación para garantir unha iluminación suficiente sen provocar cegamentos aos condutores que circulan en sentido contrario.

O uso das luces é obrigatorio cando as condicións meteorolóxicas ou ambientais reducen sensiblemente a visibilidade, como sucede coa néboa, a chuvia intensa, as nevadas ou a presenza de fume e po.

Ademais, Tráfico recomenda circular coas luces de cruzamento acesas tamén durante o día nesta época do ano, cando hai menos horas de luz natural. Esta medida permite que os vehículos sexan percibidos a maior distancia e facilita que peóns e outros condutores detecten antes a súa presenza.

Os vehículos máis antigos presentan máis riscos

A DXT advirte de que a antigüidade do vehículo tamén inflúe na seguridade viaria. Segundo un estudo do organismo, o risco de falecer ou sufrir feridas graves duplícase nos accidentes nos que están implicados vehículos de entre 10 e 15 anos de antigüidade, en comparación cos sinistros nos que participan vehículos de menos de cinco anos.

Neste contexto, Tráfico subliña que o mantemento periódico de todos os elementos de seguridade resulta fundamental para reducir a sinistralidade e afrontar con maiores garantías os desprazamentos durante os meses de outono e inverno.

0.14969301223755