A demanda polos lentes para ver o eclipse desborda as previsións e o PP de Culleredo amplía o reparto

ACoruñaXa
As primeiras 400 unidades esgotáronse en poucos días e a formación anuncia máis lentes homologados este martes na súa sede de O Burgo
CULLEREDO pp gafas eclipse
10 Aug 2026

A expectación ante o eclipse total de Sol deste mércores, 12 de agosto, tamén se deixa notar en Culleredo. O PP local esgotou as primeiras 400 lentes homologadas que puxo de maneira gratuíta a disposición da veciñanza e anunciou que ampliará o reparto este martes ante a elevada demanda.

As novas unidades estarán dispoñibles na sede da formación en O Burgo, situada na avenida de Acea de Ama, con entrada pola rúa Condes de Traba, número 2, baixo 1.

A iniciativa pretende facilitar que os veciños poidan seguir o fenómeno astronómico con protección adecuada para a vista. Desde o PP de Culleredo aseguran que a resposta recibida superou as expectativas iniciais, ata o punto de que as primeiras 400 unidades se esgotaron en poucos días.

A presidenta local do PP e portavoz municipal, Izaskun García, destacou a elevada participación e sinalou que o obxectivo é que as persoas interesadas poidan dispoñer de protección específica para observar o eclipse.

O fenómeno será especialmente relevante en Galicia, xa que a comunidade quedará dentro da franxa de totalidade do eclipse. A ocultación completa do Sol será, con todo, moi breve, polo que a observación deberá realizarse utilizando en todo momento lentes específicas para eclipses que cumpran a normativa de seguridade.

As autoridades e organismos especializados lembran que non se deben utilizar lentes de sol convencionais, cámaras, prismáticos ou outros dispositivos ópticos sen os filtros adecuados para mirar directamente ao Sol. Durante as fases parciais, a observación directa sen protección pode provocar lesións oculares graves.

O eclipse coincidirá ademais coa época das Perseidas, polo que a noite do 12 ao 13 de agosto ofrecerá unha dobre oportunidade para a observación astronómica. A combinación de ambos fenómenos converte esa xornada nunha das citas máis destacadas do calendario astronómico deste verán.

A iniciativa do PP de Culleredo súmase así ás diferentes accións e actividades que se están a organizar na comarca para facilitar a observación dun fenómeno que non volverá ser visible desde Galicia nas mesmas condicións durante moitos anos.

0.15548515319824