A Coruña fixa os servizos mínimos municipais para a folga xeral deste mércores

O Concello da Coruña aprobou o decreto que establece os servizos mínimos municipais para a folga xeral convocada este mércores, 11 de novembro. A resolución fixa as dotacións de persoal necesarias para garantir a atención á cidadanía e manter en funcionamento os servizos públicos considerados esenciais durante a xornada de paro.
Entre os dispositivos prioritarios figura o servizo de extinción de incendios e salvamento, que contará cun mínimo de 15 efectivos por quenda. Tamén se garantirá a presenza de persoal en Protección Civil, así como a actividade básica dos cemiterios municipais, os mercados, os servizos sociais, os Museos Científicos e os centros educativos públicos.
No ámbito da atención cidadá, permanecerán operativos os rexistros de María Pita, Fórum Metropolitano, Ágora e Novo Mesoiro, cun auxiliar de atención en cada unha destas dependencias. O edificio administrativo de San Amaro tamén contará con persoal de atención ao público. Ademais, o Concello manterá a atención telefónica en todos os servizos municipais para responder a posibles incidencias.
Persoal mínimo en colexios, mercados e servizos sociais
Os centros educativos públicos disporán dun conserxe para garantir a súa apertura, mentres que as escolas infantís tamén contarán con persoal para manter o funcionamento básico. O decreto inclúe, así mesmo, dotacións mínimas nos mercados municipais, cun axudante por cada mercado no que se preste servizo con persoal do Concello.
Na área de Benestar Social establécese a presenza dun auxiliar de acompañamento doméstico por quenda na Casa de Acollida, un traballador social no Servizo de Acción Social e outro no Servizo de Igualdade, ademais dun coordinador no departamento de Servizos Sociais.
Os Museos Científicos terán un técnico de garda e outro técnico de nivel medio ou superior. Nos cemiterios, a dotación variará segundo as instalacións: o de Feáns contará cun oficial e un axudante; o de Oza, cun axudante; e o de San Amaro, cun oficial e catro axudantes. Tamén se garante un condutor de coche fúnebre.
Mobilidade, informática e xestión municipal
O decreto contempla tamén servizos mínimos en distintas áreas administrativas e técnicas. Mobilidade Urbana contará con tres técnicos, un administrativo, dous auxiliares de estación —un por quenda— e un auxiliar de atención cidadá. En Informática haberá dous técnicos, un en cada quenda de mañá e tarde.
A atención tributaria disporá dun auxiliar, mentres que Tesouraría contará cun oficial de caixa e Recursos Humanos, cun auxiliar administrativo. En Cultura manteranse dous conserxes, un por cada quenda.
Así mesmo, establécese a presenza de persoal técnico nas áreas de Infraestruturas, Rehabilitación e Vivenda, Educación e Museos Científicos. O servizo de Multas contará cun auxiliar de atención ao público e un técnico.
O Concello sinala que estas dotacións buscan compatibilizar o dereito á folga coa continuidade dos servizos esenciais e a atención ás necesidades básicas da poboación durante a xornada do mércores.