A Coruña escolle as 13 fotografías que ilustrarán o calendario municipal de 2027

O Concello da Coruña seleccionou as 13 fotografías que formarán parte do calendario municipal de 2027. O xurado reuniuse nas últimas semanas para avaliar as propostas presentadas nesta nova edición do certame, que mantén a tradición de elaborar un almanaque con imaxes de fotógrafos afeccionados da cidade.
O calendario estará dispoñible nas próximas semanas en quioscos, comercios e librarías. Esta iniciativa está aberta á participación cidadá e busca poñer en valor o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da Coruña a través de fotografías tomadas dentro do termo municipal. Para escoller as imaxes, o xurado tivo en conta criterios como a calidade técnica e a orixinalidade das propostas.
O xurado estivo integrado polos fotoxornalistas César Quián, Carlos Pardellas e Xabier Quintana, así como por Andy Pérez, responsable de fotografía do Concello. Tamén participaron a alcaldesa, Inés Rey, e os membros da corporación Nereida Canosa, Roberto Coira e Francisco Jorquera.
Das 13 fotografías seleccionadas, 12 ilustrarán os meses do ano e unha será a portada. Ademais, o almanaque incluirá imaxes históricas da cidade. Nesta edición, estará encabezado polo lema ‘A Coruña, luz do Atlántico’.
As persoas gañadoras recibirán un lote de libros de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas.
As fotografías seleccionadas corresponden a Eduardo Mosqueira, autor da imaxe de portada; Chencho Mendoza, para xaneiro; Daniel Martí, para febreiro; Jéssica Dopico Tuimil, para marzo; Carlos Briones Bioslada, para abril; David Couce, para maio; Manuel Candal, para xuño; Saturio Maderuelo, para xullo; Xabier R. Blanco, para agosto; Xoan Eiras, para setembro; Rosa Cagiao Pérez, para outubro; Óscar Ferreiro, para novembro; e Daniel López Cao, para decembro.