A Coruña da o primeiro paso para crear o seu Plan de Normalización Lingüística tras anos de espera

ACoruñaXa
O Concello licita por case 50.000 euros a elaboración dunha folla de ruta para impulsar o uso do galego, unha medida que formaba parte do acordo de investidura co BNG
A CORUÑA concello
Imaxe de Noelia Uceira
28 Aug 2026

O Concello da Coruña vén de sacar a licitación a asistencia técnica para elaborar o Plan de Normalización Lingüística da cidade, un documento que pretende establecer as medidas necesarias para reforzar o uso do galego tanto no funcionamento municipal como na vida cotiá. O contrato conta cun orzamento base de case 50.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

O obxectivo é que a cidade dispoña dunha folla de ruta que permita analizar a situación sociolingüística actual e establecer actuacións concretas para favorecer a presenza do galego en diferentes ámbitos. O futuro plan deberá incluír tamén mecanismos para avaliar o cumprimento das medidas e facer un seguimento da súa evolución.

Entre as finalidades marcadas polo Concello está conseguir que o galego sexa a lingua empregada habitualmente pola Administración municipal nos seus diferentes ámbitos, garantir á cidadanía o dereito a utilizar con normalidade a lingua galega e ampliar os espazos e funcións sociais nos que está presente.

A elaboración do documento incluirá un proceso participativo no que se contará coa intervención de axentes sociais e administrativos. Ademais, a empresa que resulte adxudicataria deberá realizar un estudo demoscópico para obter datos cuantitativos que permitan completar o diagnóstico sobre a situación lingüística da cidade.

Un plan previsto desde 2021

A iniciativa chega varios anos despois da aprobación da Ordenanza reguladora do uso da lingua galega, aprobada polo Pleno municipal en 2021. A propia ordenanza establece a elaboración dun Plan de Normalización Lingüística como unha das ferramentas para desenvolver as políticas municipais relacionadas co idioma.

O documento tamén formaba parte del acordo de investidura alcanzado entre o PSOE e o BNG en 2023. Naquel pacto incluíase como compromiso a elaboración a curto prazo do plan e o desenvolvemento da propia ordenanza municipal.

A demora na súa elaboración foi precisamente obxecto de críticas por parte do BNG nos últimos anos. En maio de 2025, a concelleira nacionalista Mercedes Queixas denunciou que, catro anos despois da aprobación da ordenanza, o Concello aínda non puxera en marcha nin o Plan de Normalización Lingüística nin o Consello Local da Lingua. A formación consideraba daquela que se estaba incumprindo parte do acordo de investidura.

O BNG xa reclamara anteriormente a posta en marcha do plan. En 2024, a formación nacionalista levou ao Pleno unha iniciativa para pedir a súa elaboración, argumentando que os datos sobre o uso do galego na área urbana da Coruña mostraban un importante retroceso.

Agora, coa licitación da asistencia técnica, o Concello inicia formalmente o proceso para dotarse deste instrumento. O plan deberá concretar as actuacións que se levarán a cabo e establecer unha planificación para avanzar na normalización do galego na cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, defendeu que o Goberno local mantén un compromiso con la lingua galega e lembrou que durante o seu mandato se aprobou a primeira ordenanza municipal específica sobre o uso do galego na Coruña.

0.14929485321045