A música reivindicou o galego na praza da Tolerancia co festival 'Aquí Tamén Se Fala'

ACoruñaXa
A terceira edición reuniu na Coruña a De Ninghures, Kid Mount e Carolina Deslandes dentro da iniciativa nacida no IES Rafael Dieste
A CORUÑA aquí tamen se fala
13 Jun 2026

A praza da Tolerancia acolleu este venres a terceira edición do festival musical 'Aquí Tamén Se Fala', unha das actividades máis visibles do movemento de dinamización lingüística impulsado desde o IES Rafael Dieste da Coruña.

O evento reuniu a formacións galegas como De Ninghures e Kid Mount e contou tamén coa actuación da portuguesa Carolina Deslandes, primeira artista internacional que participou no festival. A cita combinou música e reivindicación lingüística nun espazo aberto á cidadanía.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto institucional previo ás actuacións, xunto co conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, e as deputadas provinciais Sol Agra e Avia Veira.

Castro destacou o papel do alumnado e do profesorado do IES Rafael Dieste na creación dunha iniciativa que naceu nas aulas coruñesas e que acabou converténdose nun movemento social e educativo de referencia en Galicia.

'Aquí Tamén Se Fala' xurdiu como unha campaña para visibilizar a presenza do galego nos barrios da Coruña e estendeuse xa a centos de centros educativos de todo o país, mobilizando a milleiros de estudantes arredor da defensa e do uso normalizado da lingua.

O festival contou co financiamento do Concello da Coruña, da Deputación e da Xunta. A iniciativa recibiu nos últimos anos recoñecementos como o Premio da Cultura Galega, o Innovagal, o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña ou o Mil Primaveras.

0.11346697807312