A Coruña abre a votación dos Orzamentos Participativos cun récord de 100 propostas

O Concello da Coruña abriu a fase de votación dos Orzamentos Participativos 2026-2027, un proceso no que a cidadanía poderá decidir o destino de 2,6 millóns de euros entre as 100 propostas que superaron a avaliación técnica e económica.
Todas as persoas empadroadas na cidade maiores de 16 anos poderán participar ata o 31 de agosto. Trátase da cifra máis alta de iniciativas que chegan á fase final desde a posta en marcha deste proceso participativo. Na edición de 2019 foron 81 propostas, mentres que en 2021 e 2022 se someteron a votación 55 e 61, respectivamente.
Das máis de 400 iniciativas presentadas durante os meses de maio e xuño, un total de 80 corresponden aos distintos distritos da cidade e outras 20 son de ámbito xeral. Os distritos con maior número de propostas son Os Castros e Elviña, con 25; Mesoiro e Castro de Elviña, con 13; e Riazor, Labañou e Os Rosales, con 11.
O orzamento dispoñible ascende a 2,6 millóns de euros, dos que o 80 % destinarase a proxectos nos dez distritos da cidade e o 20 % restante a actuacións de ámbito municipal. En conxunto, as propostas presentadas supoñen un investimento estimado de 12,6 millóns de euros.
A votación poderá realizarse a través da plataforma 'Na Coruña Contas', onde cada participante poderá apoiar varias propostas de cidade e tamén iniciativas de ata tres distritos. Ademais, o Concello habilitará dez puntos presenciais itinerantes entre o 21 de xullo e o 31 de agosto para facilitar a participación da veciñanza.
As propostas que obteñan máis apoio incorporaranse ao orzamento municipal mediante unha modificación orzamentaria que se levará ao Pleno de outubro. A súa execución está prevista entre novembro de 2026 e decembro de 2028.