A conciliación familiar gaña reforzo en Carral cos campamentos deportivos de verán

ACoruñaXa
O Concello abrirá este mércores, 27 de maio, o prazo de inscrición para unha proposta dirixida a nenos e nenas de 3 a 11 anos, que se desenvolverá do 22 de xuño ao 28 de agosto.
concello carral
26 May 2026

O Concello de Carral volverá poñer en marcha este verán unha nova edición dos seus campamentos deportivos, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares e ofrecer aos máis pequenos unha alternativa de lecer educativo, activo e en contacto coa contorna.

A actividade desenvolverase ao longo de dez semanas, entre o 22 de xuño e o 28 de agosto, no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e nos arredores do centro educativo. A proposta está destinada a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos e contará con prazas limitadas.

O primeiro prazo de inscrición abrirase este mércores, 27 de maio, ás 9.00 horas, e permanecerá dispoñible ata o 8 de xuño ás 14.00 horas. Haberá unha segunda quenda para anotarse entre o 27 de xullo ás 9.00 horas e o 31 de xullo ás 14.00 horas.

Os campamentos celebraranse de luns a venres, agás festivos, cun horario amplo que irá das 7.30 ás 16.00 horas. Entre as 7.30 e as 10.00 horas funcionará o servizo de madrugadores; de 10.00 a 14.00 horas desenvolveranse as actividades propias do campamento, e de 14.00 a 16.00 horas ofrecerase o servizo de comedor. Tanto madrugadores como comedor incluirán a atención aos menores, que deberán levar a comida da casa.

O programa combinará diferentes modalidades deportivas, con especial presenza daquelas que se practican no municipio, con xogos, saídas e actividades vinculadas á natureza. O obxectivo é fomentar hábitos saudables, a convivencia e o respecto polo medio natural.

As familias interesadas poderán presentar a solicitude a través da sede electrónica ou de maneira presencial no rexistro municipal. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición ata completarse. As bases e a ficha de inscrición estarán dispoñibles na páxina web municipal.

0.13629508018494