A comunidade xorda galega reúnese na Coruña nunha xornada para reivindicar os seus dereitos

A Coruña acolleu este sábado a celebración do Día Internacional das Persoas Xordas, cunha xornada que combinou reivindicación e convivencia e que reuniu na cidade persoas xordas e xordocegas, familiares, amizades e representantes institucionais procedentes de diferentes puntos de Galicia.
A convocatoria estivo organizada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación de Persoas Xordas da Coruña (Aspesor), coa participación das entidades de persoas xordas de toda Galicia. En total, máis de 200 persoas sumáronse a un programa centrado na defensa dos dereitos do colectivo e na promoción da Lingua de Signos Española.
Baixo o lema mundial “Reivindicando os dereitos humanos das persoas xordas”, a tradicional marcha percorreu as rúas do centro da cidade acompañada por unha batucada e por bandeiras azuis e amarelas representativas da comunidade xorda. A mobilización reclamou avances efectivos para conseguir unha sociedade máis accesible e inclusiva.
O percorrido rematou na praza de María Pita, onde se celebrou o acto institucional coa presenza de representantes do movemento asociativo e das administracións públicas. Nel participaron a presidenta de Aspesor, Beatriz Barreiro; a presidenta da FAXPG, María Alonso; a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón.
Un dos momentos centrais foi a lectura do manifesto elaborado con motivo desta celebración. O documento puxo o foco na necesidade de que os dereitos humanos das persoas xordas estean plenamente garantidos non só no ámbito normativo, senón tamén mediante medidas reais e efectivas que permitan avanzar na igualdade e na accesibilidade.
A programación prolongouse durante a xornada con diferentes actividades culturais, de convivencia e participación, que serviron tamén para visibilizar a realidade da comunidade xorda galega e poñer en valor a súa diversidade e a Lingua de Signos Española.