A CIG pide á alcaldesa de Cambre que aclare se o sindicato está sendo excluído da negociación colectiva

A Confederación Intersindical Galega (CIG) reclama á alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, que aclare se o sindicato está sendo excluído dos procesos de negociación colectiva no Concello durante 2026. A organización sindical presentou un requirimento formal para coñecer que Mesas de Negociación se celebraron este ano, que asuntos se abordaron, que sindicatos foron convocados e se a propia CIG foi chamada a participar.
Segundo explica a CIG, a súa preocupación aumentou despois de que as persoas que exercían como delegadas de persoal do sindicato renunciasen aos seus cargos en febreiro. Desde entón, asegura que non ten constancia de ter recibido convocatorias para participar nas Mesas de Negociación.
O sindicato quere que o Concello determine se estas reunións chegaron a celebrarse e, de ser así, que explique por que procedemento se realizaron e que organizacións sindicais recibiron as correspondentes convocatorias.
A CIG considera que esta situación debe ser aclarada antes de valorar posibles irregularidades. Desde a organización apuntan a dúas posibilidades: que o Goberno municipal descoñeza as normas que regulan a negociación das condicións de traballo nas administracións públicas ou que, coñecendo estas obrigas, decidise non contar coa CIG nos asuntos nos que considera que está legalmente lexitimada para participar.
'Calquera das dúas opcións sería de especial gravidade. Pero antes de facer acusacións queremos coñecer os feitos e escoitar as explicacións do Concello', sinala a responsábel do sector de Administración Local da CIG da Coruña, Cristina Díaz Mira, segundo recolle o sindicato.
O orzamento de 2026, entre as principais cuestións
Un dos asuntos nos que a CIG pon especialmente o foco é o proxecto de orzamento municipal de 2026, que finalmente non chegou a aprobarse. O sindicato asegura que non ten constancia de ter sido convocado á negociación das cuestións relacionadas co persoal municipal e reclama información sobre se esa negociación se produciu, cando tivo lugar e que organizacións sindicais participaron.
A petición céntrase especialmente no Capítulo I dos gastos de persoal. A CIG advirte de que non aceptará que, ao seu xuízo, se lle prive dun dereito que a lexislación recoñece ás organizacións sindicais lexitimadas para participar na negociación colectiva.
Outro dos puntos que quere esclarecer é a modificación da instrución de teletraballo. A organización sindical solicita coñecer se este cambio foi sometido previamente á negociación colectiva e cal foi o procedemento utilizado polo Concello.
Reclamacións polo Fondo Social e a produtividade
A CIG tamén reclama información sobre as axudas do Fondo Social correspondentes aos exercicios 2022, 2023, 2024 e 2025. En concreto, solicita coñecer cantas solicitudes permanecen pendentes, cales son os motivos das demoras e que previsións manexa o Concello para resolver e efectuar os pagamentos.
A esta cuestión engádese a produtividade correspondente a 2026. O sindicato pide datos sobre o seu estado de tramitación, os criterios empregados para a súa aplicación e a data prevista para o pagamento.
A organización lembra que a renuncia das anteriores persoas delegadas de persoal non implica, segundo a súa interpretación, a desaparición da CIG nin a perda da súa condición de organización sindical máis representativa.
'Diana Piñeiro ten que explicar que se está facendo no Concello de Cambre en materia de negociación colectiva: que se negociou, cando, con quen e quen foi convocado', afirma a CIG, que asegura que será despois de recibir as explicacións e a documentación cando valorará se existiron irregularidades e, nese caso, que actuacións poderían corresponder.
O sindicato agarda agora unha resposta do Concello que sexa 'concreta e documentalmente verificable' e advirte de que se reserva a adopción das medidas que considere oportunas en función da información que reciba.