A CIG acusa ao Goberno de Culleredo de impedir a súa voz na negociación do persoal municipal

A CIG-Administración vén de cargar contra o Goberno municipal de Culleredo pola súa actuación na Mesa Xeral de Negociación celebrada este xoves 11 de xuño. A central sindical asegura que se lle impediu participar na reunión despois de que a súa representante chegase con trece minutos de atraso por unha incidencia médica sobrevida durante o desprazamento ao Concello.
Segundo explica a Federación da Administración Pública da CIG, a situación foi comunicada con antelación á Presidencia da Mesa, advertindo de que a incorporación se produciría cun pequeno atraso. Con todo, cando a representante sindical chegou ao Concello, a reunión xa fora levantada, o que, segundo a organización, impediu á central intervir nos debates e nas votacións dos asuntos incluídos na orde do día.
A responsable do sector de Administración Local da CIG da Coruña, Cristina Díaz, cualificou a decisión de 'inxustificábel, desproporcionada e profundamente antidemocrática'. O sindicato considera que o ocorrido supón un desprezo á representación sindical do persoal municipal e unha vulneración do clima de diálogo que debe presidir calquera proceso de negociación colectiva.
A central tamén denuncia unha 'dobre vara de medir' por parte do Goberno local. Segundo a CIG, apenas unha semana antes, na Mesa Xeral celebrada o 4 de xuño, a reunión foi atrasada máis de media hora para permitir a asistencia do alcalde. Para o sindicato, resulta contraditorio que se aceptase ese adiamento por un cargo político e, en cambio, se impedise a participación da CIG por un atraso de trece minutos derivado dunha circunstancia médica previamente comunicada.
A organización lembra que nos últimos meses mantivo unha actitude de colaboración institucional, aceptando cambios de convocatorias, suspensións, adiamentos e atrasos motivados por necesidades organizativas ou por circunstancias persoais e de saúde de responsables municipais. Por iso considera 'intolerábel' que esa flexibilidade non se aplicase neste caso a unha representante sindical.
O conflito chega nun momento especialmente sensible para as relacións laborais no Concello de Culleredo. A comezos de ano, UGT, CCOO, CIG e a Agrupación de Funcionarios asinaran un acordo unánime para actualizar a regulación laboral do persoal municipal, un novo marco para empregados funcionarios e laborais pendente da súa ratificación definitiva.
A CIG defende que a negociación colectiva debe basearse na boa fe, no respecto institucional e nunha vontade real de diálogo. Ao seu xuízo, o sucedido este xoves evidencia unha falta de consideración cara á representación dos traballadores e traballadoras e introduce un precedente preocupante no funcionamento dos órganos de negociación municipal.
A central sindical xa presentou un escrito formal ante o Concello de Culleredo no que reclama explicacións e responsabilidades políticas polo acontecido.