A atención temperá de Culleredo recibirá 298.000 euros para funcionar ata 2028

ACoruñaXa
A prestación ofrecerá máis de 10.000 horas de atención individualizada a menores de entre 0 e 6 anos e ás súas familias, cun equipo de tres profesionais de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía
CULLEREDO Casa do Concello en Tarrío
31 Oct 2026

O novo servizo de atención temperá contará cunha financiación de 298.237,68 euros para os próximos dous anos. A Consellería de Política Social concedeu esta cantidade ao Concello de Culleredo a través do programa europeo FSE+ Galicia 2021-2027, o que permitirá sufragar a prestación ata 2028 e avanzar na súa próxima posta en funcionamento.

O servizo ofrecerá máis de 10.000 horas de atención ás familias do municipio, con intervencións individualizadas de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía. Estará dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que presenten trastornos do desenvolvemento ou estean en risco de padecelos, tanto se as necesidades son transitorias como permanentes.

A atención temperá permite identificar e abordar canto antes as dificultades que poden afectar ao desenvolvemento infantil. Nesta etapa, na que se producen avances fundamentais nas capacidades psicomotrices, cognitivas e comunicativas, a intervención especializada busca potenciar as habilidades de cada menor e favorecer a súa integración na contorna familiar e social.

Tres profesionais atenderán as familias en Vilaboa

A unidade estará integrada por tres profesionais especializados en logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía. O Concello prevé que a prestación se desenvolva nun local municipal de Vilaboa, situado na rúa Domingo Sierra, xunto á oficina de Servizos Sociais.

O acceso ao recurso producirase principalmente mediante derivación dos Servizos Sociais municipais, en función das necesidades detectadas e comunicadas polos técnicos. A actividade da unidade contará tamén co seguimento dos propios servizos municipais. O goberno local aposta por prestar a atención a través dunha entidade social especializada.

Un novo intento tras quedar deserta a contratación

A posta en marcha deste recurso xa estaba prevista anteriormente. Culleredo fora beneficiario no primeiro trimestre do ano dunha convocatoria adicional da Consellería de Política Social para financiar servizos de atención temperá. En abril, o pleno municipal aprobou a prestación mediante un concerto social, pero o procedemento de contratación acabou quedando deserto, segundo o ditame de Intervención.

A decisión foi posteriormente recorrida pola única entidade que se presentara ao proceso. Agora, coa nova financiación concedida por un período de dous anos, o Concello busca retomar o proxecto e dotar o municipio dun recurso especializado de apoio ao desenvolvemento infantil e ás familias que o precisen.

0.16767287254333