Voluntarios percorrerán A Coruña para promover un San Xoán máis limpo, seguro e libre de condutas incívicas

ACoruñaXa
A campaña 'En San Xoán, limpar as praias é ser de Primeira' complétase con pulseiras contra a submisión química, medidas para reducir residuos e a reserva de espazos en Riazor
A CORUÑA campaña limpeza praias
18 Jun 2026

A Coruña quenta motores para a celebración de San Xoán cunha ampla campaña de sensibilización destinada a fomentar o civismo, a seguridade e o respecto polo entorno durante unha das noites máis multitudinarias do ano. A iniciativa, que leva por lema 'En San Xoán, limpar as praias é ser de Primeira', mobilizará equipos de voluntariado que percorrerán as principais zonas de lecer e afluencia de público para concienciar sobre a importancia de gozar da festa sen deixar pegada nos areais.

A campaña desenvolverase os días 18, 19 e 20 de xuño e terá unha presenza destacada nas praias de Riazor e Orzán, así como en áreas comerciais, establecementos hostaleiros e espazos de lecer. Os voluntarios trasladarán mensaxes relacionadas coa limpeza das praias, o consumo responsable de alcohol, a seguridade viaria, a prevención das agresións sexuais, o coidado do medio ambiente e o respecto ao descanso veciñal.

A iniciativa aproveita ademais o ambiente de celebración que vive a cidade tras os recentes éxitos deportivos do Deportivo e do Leyma Básquet Coruña. A través do lema 'ser de Primeira', a campaña busca trasladar a idea de que o civismo e o compromiso co entorno tamén forman parte dunha cidade de primeira.

Entre as accións previstas figura o reparto de material informativo e dun código QR que permitirá acceder ao denominado 'Manual para ser de Primeira', unha guía con recomendacións para reducir a xeración de residuos e evitar comportamentos incívicos durante a noite do 23 de xuño.

A campaña forma parte dun dispositivo máis amplo deseñado para a festa de San Xoán. Entre as medidas complementarias destaca a distribución de pulseiras de detección da submisión química nos Puntos Violeta habilitados durante a celebración, unha iniciativa orientada a reforzar a prevención e a seguridade, especialmente entre a poboación máis nova.

Tamén se manterá a colaboración coas principais cadeas de supermercados para reducir a presenza de plásticos dun só uso durante a Noite Meiga e reforzaranse os sistemas de recollida selectiva de residuos no entorno dos areais.

Ademais, continúa aberto ata o vindeiro luns 22 de xuño o prazo para que asociacións e entidades soliciten algún dos 55 espazos habilitados na praia de Riazor. A iniciativa, que se estrea este ano como experiencia piloto, vincula a reserva das parcelas á recollida dos residuos unha vez rematada a celebración.

0.12300205230713