Viraventos presenta na Coruña 'Mira outra vez', unha campaña para visibilizar o racismo cotián

ACoruñaXa
A iniciativa estrearase o sábado 5 de decembro na Fundación Paideia cun vídeo protagonizado por persoas racializadas e non racializadas, un monólogo de Lorena Okenve e unha mesa redonda sobre discriminación
A CORUÑA mira outra vez
29 Nov 2026

A ONG Viraventos estreará o vindeiro sábado 5 de decembro na Coruña 'Mira outra vez', unha campaña audiovisual coa que busca visibilizar o racismo cotián e as distintas formas de discriminación que sofren as persoas migrantes e racializadas. A presentación terá lugar entre as 12:00 e as 13:30 horas na Fundación Paideia, situada no número 17 da praza de María Pita.

A iniciativa parte dunha idea: o racismo non sempre aparece en forma de insultos, agresións ou comportamentos abertamente discriminatorios. Tamén pode manifestarse a través de miradas, xestos, comentarios e prexuízos que se normalizaron na vida diaria. Con esta campaña, a entidade pretende convidar a cidadanía a identificar esas actitudes e cuestionar os estereotipos que contribúen a perpetuar a desigualdade.

O vídeo principal recolle distintas situacións relacionadas co racismo estrutural e cotián e está protagonizado por persoas voluntarias racializadas e non racializadas, con diferentes traxectorias vitais. Noemi Alvarado Rodríguez, técnica de Igualdade e Diversidade de Viraventos, explica que existen comportamentos que moitas veces pasan inadvertidos, pero que tamén contribúen á discriminación. A campaña busca, segundo sinala, que a sociedade volva mirar esas situacións e aprenda a recoñecelas.

Viraventos enmarca o lanzamento nun contexto de preocupación polo aumento dos discursos de odio e o seu traslado desde as redes sociais á vida cotiá. Segundo os datos recollidos no comunicado da entidade a partir do informe do Ministerio do Interior sobre a evolución dos delitos e incidentes de odio en España, en 2025 rexistráronse 55 delitos de odio na provincia da Coruña. Deles, o 47% estiveron relacionados con ataques racistas, xenófobos ou contra características culturais e étnicas.

A organización tamén sinala que a discriminación se produce a través de barreiras institucionais e estruturais que dificultan o acceso a dereitos e servizos básicos. Neste sentido, cita o informe de SOS Racismo sobre o estado do racismo en España de 2025, segundo o cal preto do 75% das denuncias recollidas corresponden a racismo institucional, denegación de acceso a prestacións e servizos públicos e privados, e racismo policial.

A presentación coincidirá co Día Internacional do Voluntariado e contará coa participación da creadora de contido Lorena Okenve, que ofrecerá un monólogo sobre a súa experiencia como muller negra en España. A continuación, celebrarase unha mesa redonda titulada 'Racismo cotiá', na que intervirán persoas voluntarias que participaron no proxecto e compartirán as súas experiencias. Tamén está prevista a presenza de Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña.

Con esta convocatoria, Viraventos quere recoñecer ademais a implicación das persoas voluntarias que fixeron posible a campaña e outras iniciativas da entidade. A ONG anima a cidadanía e os medios de comunicación a participar no acto para contribuír a combater os prexuízos e favorecer unha visión positiva e diversa das persoas migrantes e racializadas.

0.15746283531189