Vilasantar rende homenaxe aos seus maiores nunha festa que reuniu a 230 veciños

ACoruñaXa
O Concello recoñeceu a tres veciñas centenarias do municipio durante unha xornada de convivencia celebrada no xardín botánico
VILASANTAR comida maiores 2026
20 Jun 2026

O Concello de Vilasantar celebrou este venres unha nova edición da súa tradicional Festa de Maiores, unha cita que reuniu a 230 veciños e veciñas de máis de 60 anos nunha xornada marcada pola convivencia, o recoñecemento e a homenaxe ás persoas de maior idade do municipio.

A programación arrancou cunha misa conmemorativa na igrexa de Présaras, oficiada por Víctor Blanco, sacerdote e presidente da Asociación Raiña, entidade asentada na escola ecolóxica municipal. Tras o acto relixioso, os participantes trasladáronse ao xardín botánico, escenario do xantar organizado polo Concello.

Os asistentes puideron degustar un menú composto por empanada, polbo á feira, xarrete de tenreira e torta de queixo e améndoas, nun encontro amenizado musicalmente polo Dúo Trasnos.

Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou durante a intervención do alcalde, Fernando Fernández Pérez, que tivo palabras de recordo para os veciños e veciñas que non puideron asistir por motivos de saúde e tamén para aquelas persoas falecidas que formaron parte da historia do municipio.

O rexedor destacou ademais a figura de tres veciñas centenarias de Vilasantar. Concha do Campo da Feira, de 102 anos, e Mercedes do Fachal, de 100, non puideron participar na celebración, aínda que recibiron pola mañá a visita do alcalde, que lles entregou un ramo de flores en nome de toda a veciñanza. Pola súa banda, Antonia de Panacioi, tamén centenaria, asistiu ao evento e foi homenaxeada durante o xantar entre os aplausos dos presentes.

Como recordo da xornada, o Concello agasallou a cada participante cun paraugas co escudo municipal, un detalle que moitos dos asistentes aproveitaron como protección fronte ao sol durante a celebración.

0.12352299690247