Vilasantar estrea o 27 de abril a I Festa do Bacallau

ACoruñaXa
O evento terá lugar o 27 de abril no xardín botánico municipal e pola noite comezará a Festa da Xuventude coa actuación da orquestra Paris de Noia
Imaxe do Cartel da I Festa do Bacallau en Vilasantar
Imaxe do Cartel da I Festa do Bacallau en Vilasantar
11 mar 2024

O Concello de Vilasantar organiza a primeira edición da Festa gastronómica do Bacalao, que terá lugar o 27 de abril no xardín botánico municipal. Esta celebración irá da man da Festa da Xuventude, que terá lugar no mesmo lugar durante a noite.

No evento diúrno o bacallau será o elemento protagonista, cun xantar popular no que se poderá degustar este produto en varias receitas: ensalada de bacallau, empanada de bacallau e bacallau ao forno, ademais de viño, sobremesa e café.

“Con esta celebración queremos ofrecer á veciñanza unha xornada de xuntanza e diversión, ademais de promover un produto de altísima calidade ofrecido por unha empresa local, Bacalaos Boado”, explica Fernando Pérez, alcalde de Vilasantar, para engadir que se poden adquirir os boletos na casa do Concello e nos bares do municipio ata ao 21 de abril.

Tras a verbena e a comida, xa pola noite comezará a Festa da Xuventude, amenizada polo Dúo Reflejos e a orquestra Paris de Noia. Claudia Maques, concelleira vilasantaresa, admitiu que a poboación local ten unha idade media bastante elevada, polo que “é unha alegría poder organizar festas e actividades centradas na xuventude, aínda que convidamos a todos e todas a vir desfrutar, independentemente da súa idade”. Finalmente, a edil agregou que tamén haberá inchables para a cativada, “é unha festa para todos e todas”.