Vilasantar aposta pola instalación de dispensadores de agua de uso público

ACoruñaXa
O obxectivo da iniciativa do Concello é acabar co uso de botellas de plástico ofrecendo unha alternativa reutilizable, segura e máis efectiva para manter a temperatura, xa que as fontes ofrecen auga quente e fría
Estudantes do CEIP de Présaras de Vilasantar facendo uso dos dispensadores de auga
Estudantes do CEIP de Présaras de Vilasantar facendo uso dos dispensadores de auga
6 mar 2024

O Concello de Vilasantar dá un paso adiante pola sostibilidade e instala tres puntos de auga ultrafiltrada de uso público no municipio. Un na casa consistorial, outro no CEIP de Présaras e no campo de fútbol municipal. Deste xeito, subminístrase auga purificada ao cadro de persoal municipal, á comunidade educativa, aos equipos de fútbol e á cidadanía en xeral.

Os dispensadores de auga contan con filtros antisedimentos, filtros de carbón para eliminar o cloro e membranas antibacterianas. Así, garántese a máxima purificación para o consumo humano, incluso se hai algunha deficiencia ou avaría na rede de abastecemento. Deste xeito, segundo indica o Concello, “poñemos en valor a excelente calidade da auga de Vilasantar e animamos a todo o mundo a facer uso destas fontes”.

Un dos motivos principais para instalar estes dispensadores é reducir o uso de envases e vasos de usar e tirar. Xa que logo, o Concello repartiu un cento de botellas-termo de aceiro inoxidable con recubrimento dobremente cerámico, a metade en formato pequeno para os nenos e nenas da escola. O obxectivo é acabar co uso de botellas de plástico ofrecendo unha alternativa reutilizable, segura e máis efectiva para manter a temperatura, xa que as fontes ofrecen auga quente e fría. Ademais, “inculcamos a cultura da sostibilidade e o respecto ao medioambiente na rapazada a través do exemplo na propia comunidade educativa”, salientan dende o Concello.

A instalación destes puntos de auga e o mantemento e revisión dos dispensadores está a cargo de Galiozono, empresa especializada no tratamento de auga, implicada en minimizar a pegada de carbono e concienciar á cidadanía.