Varias familias reclaman os cartos entregados por unha promoción de vivendas que nunca obtivo licenza en Oleiros

Varias familias víronse afectadas por unha promoción de vivendas unifamiliares proxectada na zona da Pezoca, en Oleiros, despois de que as vivendas nunca chegasen a obter a preceptiva licenza urbanística e os compradores non recuperasen as cantidades entregadas a conta. Segundo informou o Concello, nalgúns casos as achegas realizadas superan os 15.000 euros por familia.
O caso levou ao Concello de Oleiros a expresar publicamente o seu apoio ás persoas afectadas, ao considerar especialmente grave que se solicitaran e percibiran cantidades económicas para a adquisición dunhas vivendas que carecían da autorización urbanística necesaria para poder desenvolverse.
O Goberno municipal anunciou que porá á disposición das familias toda a documentación administrativa que poida resultar de utilidade para a defensa dos seus dereitos e que colaborará coas autoridades competentes no esclarecemento dos feitos.
Desde o Concello lembran que calquera promoción inmobiliaria debe contar coa correspondente tramitación urbanística antes de poder executarse e subliñan a importancia de comprobar previamente a situación administrativa dunha promoción antes de realizar pagamentos ou entregar cantidades a conta.
Por este motivo, a administración local insiste en que calquera persoa pode solicitar nos servizos municipais información urbanística sobre parcelas, inmobles ou promocións para verificar se contan coas autorizacións necesarias antes de formalizar unha operación de compravenda.
O Goberno municipal conclúe reafirmando o seu compromiso coa defensa da legalidade urbanística e coa protección dos dereitos da veciñanza, ao tempo que expresa a súa vontade de colaborar para que as persoas afectadas dispoñan da información necesaria e de evitar que situacións como a da promoción da Pezoca volvan repetirse.