Vandalizan de novo os baños públicos da Ribeira en Miño

O Concello de Miño volveu lamentar un novo episodio de vandalismo nos baños públicos da Ribeira. Nesta ocasión, segundo informou a administración local, as persoas implicadas danaron o interior dos tres inodoros das instalacións, o que obrigou a deixar o servizo fóra de uso.
O caso xa foi posto en mans das autoridades competentes, co obxectivo de identificar canto antes á persoa ou persoas responsables dos estragos. Desde o Concello insisten en que este tipo de actuacións prexudican directamente á veciñanza e ás persoas que utilizan a zona, especialmente nun espazo moi frecuentado durante o verán.
Non é a primeira vez que os baños da Ribeira sofren danos. O propio Concello xa denunciara no pasado novos actos vandálicos nestas instalacións, nos que tamén se produciron estragos e se chegou a afectar ao seu funcionamento.
A administración local apela ao respecto polos bens públicos e lembra que reparar este tipo de danos supón un custo para todos, ademais de deixar sen servizo unha infraestrutura necesaria nunha zona de uso público.