Unión por Cambre denuncia que á Xunta non lle interesa a Escola Unitaria de Pravio

ACoruñaXa
O ANPA do centro reclama que a Xunta de Galicia non responde as súas peticións e alega que o futuro da escola pende dun fío
Escola Unitaria de Pravio en Cambre
Escola Unitaria de Pravio en Cambre
15 feb 2024

A formación política Unión por Cambre denuncia que á Xunta do Partido Popular non lle interesa o modelo educativo da unitaria de Pravio, e como proba de iso afirman que non responde ao escrito que as familias lle remitiron para pedir unha solución e evitar o peche ao que está condenada a escola unitaria e rural de Pravio.

“Non interesan as escolas con proxectos educativos innovadores e diferentes, con proxectos onde conviven nenos de diferentes idades que se complementan, proxectos educativos que integran á toda a comunidade escolar e á veciñanza, nos que se aposta polo contacto co medio rural, polo xogo tradicional e polo medio ambiente. Un modelo educativo que está en auxe en moitos países europeos e que en Cambre ten grande aceptación vendo a lista de espera desde hai anos hai para este centro”, explica o alcalde, Óscar García Patiño, que apoia as reivindicacións das familias e esixe á Xunta que escoite á comunidade educativa de Pravio.

“É unha mágoa que o PP de Cambre se estea para sacarse fotos en plena campaña electoral con conselleiros que só acoden a Cambre para recabar votos, sen embargo levan varias lexislaturas sen preocuparse por solucionar os problemas que sufren os veciños e veciñas deste concello”, apunta García Patiño que lembra que reivindicacións históricas como as melloras dos colexios públicos, as beirarrúas de Cecebre, unha vía Ártrabra que dea servizo ao concello ou, neste caso, unha unitaria que cada certo tempo ten que pelexar contra as políticas da Xunta do PP para que non acabe pechada.

Dende UxC lembran ao Partido Popular de Cambre que eles foron elixidos polos veciños e veciñas como concelleiros e concelleiras para defender os intereses do seu pobo, non para render pleitesía ao seu partido, un partido que goberna a Xunta de quen dependen as solucións a moitas das demandas históricas de Cambre.