Unha viaxe inmersiva prepara A Coruña para a eclipse total de Sol de 2026

ACoruñaXa
A Casa das Ciencias estrea no Planetario '3CLIPSE', unha produción divulgativa sobre as eclipses solares de 2026, 2027 e 2028
A CORUÑA 3clipse
26 Jun 2026

A Casa das Ciencias incorpora desde este sábado 27 de xuño ao seu Planetario a produción inmersiva '3CLIPSE', unha proposta divulgativa creada para achegar ao público as tres eclipses solares que poderán observarse desde a península ibérica nos anos 2026, 2027 e 2028.

A Coruña será un punto privilexiado para contemplar a primeira delas, unha eclipse total de Sol prevista para o 12 de agosto de 2026 cara ao final da tarde. A este fenómeno seguiralle outra eclipse total en 2027 e unha eclipse anular en 2028, unha secuencia excepcional que converterá a Península nun lugar destacado para a observación astronómica.

O documental poderá verse no Planetario nas sesións das 13.00 e as 18.00 horas desde este sábado. A partir do 1 de xullo proxectarase ás 13.00 e ás 19.00 horas.

'3CLIPSE' é unha produción a toda cúpula na que participaron 35 planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal. O proxecto está coordinado polo Museo Elder de la Ciencia y la Tecnología e coproducido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, coa colaboración da FECYT.

A peza, dirixida por Fernando Jáuregui, conta tamén coa participación do estudo coruñés Antaruxa e de técnicos dos Museos Científicos. A través da historia dunha nena e a súa avoa, a proposta explica como se producen as eclipses, que significado tiveron para diferentes culturas e por que continúan fascinando á sociedade.

A iniciativa inclúe ademais recursos divulgativos complementarios, como unha exposición descargable, unha guía didáctica, vídeos e materiais educativos.

0.12327599525452