Unha tarde para mirar ao ceo: Bergondo celebrará unha xornada familiar arredor da eclipse solar

ACoruñaXa
O Mosteiro de San Salvador acollerá o 12 de agosto unha actividade con observación segura, propostas divulgativas e agasallo de lentes homologadas
BERGONDO eclipse
4 Aug 2026

O Concello de Bergondo converterá o Mosteiro de San Salvador no escenario dunha xornada especial para seguir a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Baixo o lema 'Mira cara arriba', a iniciativa está pensada para que familias e veciñanza poidan gozar deste fenómeno astronómico nun entorno patrimonial e con todas as garantías de seguridade.

A actividade dará comezo ás 18.00 horas e combinará divulgación científica, xogos e propostas creativas co obxectivo de achegar a astronomía ao público de todas as idades. A programación busca converter a observación da eclipse nunha experiencia participativa, unindo ciencia, lecer e patrimonio.

Para garantir unha observación segura, o Concello entregará de balde lentes homologadas a todas as persoas inscritas, lembrando a importancia de utilizar material específico para evitar danos na vista durante o seguimento do fenómeno.

Será necesario realizar inscrición previa entre os días 5 e 11 de agosto enviando un correo electrónico ao departamento municipal de Cultura e Deportes no que se indiquen os datos de contacto e o número de asistentes.

Con esta proposta, Bergondo súmase ás actividades organizadas en distintos puntos de Galicia con motivo da eclipse solar, un acontecemento astronómico que se prevé que atraia a miles de persoas para contemplar un dos fenómenos máis destacados dos últimos anos.

0.13773417472839